29 de junio de 2011

Mellorar a solvencia das Caixas



A Vicepresidenta do Goberno, Elena Salgado vén de anunciar unha nova esixencia de capitalización ás caixas de aforros, xusto despois do proceso de fusións. E avisa de que as que non cumpran en outono serán obrigadas a transformarse nun banco para que o Estado poida entrar no seu capital, ou sexa, serán nacionalizadas.
Algúns dirán que se trata dunha privatización das caixas de aforros, pero mal se pode explicar ese argumento se ó final o Estado as nacionaliza. Outros dirán que se tiña que ter feito antes, pero se así fose, non terían oportunidade de manterse como tales caixas aquelas que sexan capaces de capitalizarse debidamente.
En calquera caso, dende que no acordo de Basilea III se aprobou elevar ó 8% os fondos de capitalización dos bancos, resultaba evidente que as caixas terían que seguir o mesmo camiño. Unha axeitada capitalización, e a superación das probas dos stress test son a mellor garantía, xa non só de solvencia, senón de viabilidade futura das caixas.
Debemos lembrar que esta esixencia de capitalización dos bancos a nivel internacional foi unha proposta apoiada por España nas primeiras reunións do Ecofin e do G-20 unha vez que estalou a crise, e que está en liña co que o Banco de España ben facendo no sector financieino español dende o caso Banesto. Foi unha medida amplamente demandada pola esquerda, precisamente para evitar as operacións especulativas do sector financeiro, e agora, loxicamente as caixas terana que aplicar.
Se os nosos bancos resistiron mellor que os de outros países a caída do sistema financeiro internacional foi porque a súa implicación no sector inmobiliario era menor e tiñan investimentos industriais ou empresariais diversificados en moitos países. Pero as caixas, tamén a nosa, tiñan unha implicación no sector inmobiliario que superaba o 70% do seu risco. Esta situación seguramente mellorou cos fondos captados do FROB, pero penso que son aínda insuficientes.
A nova situación necesita dunha estratexia económica galega que incorpore ás principais corporacións, empresas e investidores potenciais, primeiro para cumprir as novas esixencias e segundo para construír unha verdadeira caixa galega, non polo nome da entidade ou polo apelido dos seus xestores, senón porque se implique realmente no desenvolvemento económico de Galicia. Tamén aquí, como teño dito noutros artigos, non viría mal ter coa diáspora unha relación económica máis fonda que superase as visitas de Feijóo, conselleiros e alcaldes levando empanadas, pulpo e gaitas para as escolas dos centros galegos.
En definitiva, auguro unha nova oportunidade perdida para Galicia, porque esta Xunta non está pola labor de traballar e construír. Está xa a estas horas o señor Feijóo preparando o seu enésimo furibundo ataque a Zapatero co que xustificará a súa incompetencia e sorrirá ante os seus dicindo polo baixiño “oíches o que lle dixen”.

No hay comentarios: