29 de junio de 2011

Resístese o final de ETA

Artigo publicado no Xornal de Galicia o día 11 do 1 do 2011


Aínda que non son un experto na materia, e a pesares de que este asunto do terrorismo de ETA está suxeito a unha linguaxe moi medida, non me resisto a facer algún comentario á situación actual de ETA e ó comunicado de onte.
En primeiro lugar cabe preguntarse, en que situación estamos e porque chegamos ata aquí. A resposta no debe ser sinxela e caben razóns históricas, políticas e ata persoais, pero penso eu que nos últimos anos, tres factores foron determinantes; en primeiro lugar a eficacia na persecución policial do delito. Pero este factor leva funcionando ben moitos anos e por si só nunca dera resultado. En segundo lugar a Lei de Partidos, que permitiu apartar das institucións democráticas ós que defenden a utilización da violencia como ferramenta política. E por último o fracaso da anterior tregua por culpa unicamente da actitude de ETA. Hai quen segue cuestionando a oportunidade da tregua ofrecida por Zapatero na lexislatura anterior, pero eu penso que foi un paso necesario que propiciou un debate interno na esquerda aberchale, e que está dando lugar ós pasos que estamos vendo nos últimos meses.
Polo tanto estou convencido de que o fin de ETA está cerca, eles sábeno, son conscientes, pero resulta moi difícil saír, cambiar os parámetros de análise e de toma de decisións, os métodos e incluso o xeito de vida, incorporarse á sociedade e sobre todo, recoñecer que 50 anos de violencia non serviron para nada máis que para provocar dor e odio.
En relación ó comunicado, chámame a atención a reclamación dun “proceso democrático” e as constantes apelacións a que o pobo se pronuncie, acaso os vascos non votan cada catro anos en eleccións de todo tipo, municipais, autonómicas, estatais e europeas? Eses son precisamente os resultados electorais que ETA nunca entendeu.
A cuestión é moi sinxela, calquera partido político pode reivindicar o que estime oportuno, non é ilegal, tampouco coa Lei de Partidos, defender a independencia de Euskadi. Pero o que non é admisible é que unha minoría da sociedade impoña ó resto polas armas o seu modelo. Tampouco é cuestionable que reclamen politicamente a unidade de Eukalerria cos territorios franceses e Navarra, pero todos e cada un dos territorios que sinalan teñen actualmente rexímenes democráticos nos que están perfectamente claros os procedementos para abordar cambios institucionais e as maiorías necesarias para facelos. Por certo, maiorías que se gañan nas furnas e non coa pólvora.

No hay comentarios: