29 de junio de 2011

Señor Feijoo, póñase a traballar







Neste asunto das caixas os acontecementos precipítanse, espero que non sexa o mesmo que na canción de Les Luthiers na que os acontecementos se precipitaban da torre embaixo. Son moitos os elementos a considerar nun procedemento complexo, polo que corremos o risco de pasar por alto algunhas contradicións que me parecen preocupantes. Hai ben poucos meses que a Xunta -¿lembrades?- encargou aquela auditoría, que custou unha pasta, e que dicia que as caixas galegas eran solventes, que a súa fusión era unha marabilla e que cunha pequena axuda do FROB todo estaría listo.
Pois ben agora que por fin o Banco de España puxo as contas claras, dos 15.152 millóns de euros que necesitan as caixas españolas para capitalizarse, nada menos que 2.600 millóns corresponden a NCG, e ademais resulta que o seu core capital non era o que dicía a auditoría senón inferior ó 6%.
Supoño que o Presidente da Xunta reclamará a quen fixo tal auditoría que lle devolva os cartos, salvo que non poida, simplemente porque puxeron no papel o que a propia Xunta lles mandou. Ou sexa porque era unha auditoría á carta.
A cuestión de fondo é que a nosa economía non é capaz de financiar o seu crecemento, nin o seu investimento nin o pago da débeda cos seus propios recursos xerados polo aforro interno e a actividade económica. E non falo só da débeda pública senón sobre todo da privada que está nas mans principalmente das caixas. Xa non podía facelo antes da crise cando o noso investimento medraba ó 11% e o noso PIB ó 4% e agora peor.
Nestas circunstancias os nosos bancos e caixas, e tamén as administracións públicas deben buscar o creto fóra, alí onde hai liquidez: o Banco Popular Chinés, os países produtores de petróleo ou os fondos de investimento americanos, alemáns ou ingleses. Pero cando chegamos a pedir os cartos dinnos que non se fían da nosa solvencia, por mor das nosas caixas e, ou non nos prestan ou nos prestan máis caro.
Por isto a reforma do sistema financeiro é urxente e ineludíbel. Será un trago duro, terá consecuencias negativas no curto prazo, seguramente, pero se non nos damos présa, se seguimos facéndonos trampas no solitario, pensando máis nas vindeiras eleccións que nas vindeiras xeracións corremos o risco de perder nesta crise máis xiróns de pel dos que pensábamos.
Quero crer que o Presidente da Xunta anda buscando inversores que nos salven, especialmente nun momento no que aparece un galego no sétimo lugar entre as fortunas do planeta. Que contradición verdade, como é posíbel que as fortunas dos galegos non confíen na nosa caixa. Serán males endémicos? Terán antigaleguidade financieira? Ó mellor non len a prensa galega e non saben o que está pasando? Ou será simplemente que non se fían duns equipos xestores que levaron as caixas a onde están e que seguen no machito eles e as súas familias sen dar conta dos seus actos e dos seus erros.
Veña señor Presidente, colla a bandeira, póñase a traballar e deixe de pasear facendo campaña electoral fóra de Galicia. Fale con eses galegos que teñen os recursos suficientes para resolver este lío, cos de aquí e cos da diáspora. Concite o seu interés, e se lle poñen como condición cambiar os xestores da caixa déalles un papel en branco para que apunten os nomes que queiran, seguro que serán mellores que estes.

No hay comentarios: