14 de septiembre de 2010

Sobre a ILP de Rumbo 21

Artigo publicado no Diario de Ferrol con motivo da Iniciativa Lexislativa Popular de Rumbo 21.


A retirada do veto sobre ASTANO configúrase como un elemento cargado de simbolismo. Nel reúnense tódolos reproches, xustos no maior dos casos, á reconversión dos anos oitenta que tan fondo dor causou na sociedade de Ferrolterra. Nel susténtanse posicións de diversas forzas políticas que atoparon neste elemento unha xustificación ás súas propias carencias e que viviron durante décadas alimentando o odio ou o resentimento ó Estado e ó Partido Socialista sen por en marcha dende as distintas responsabilidades de goberno que tamén ostentaron iniciativa algunha para sacar a Ferrolterra da crise.
Dende que no 2004 fun por primeira vez candidato e logo Diputado sempre falei claro sobre este proceso de Reconversión Industrial, sempre dixen que foi nefasto, precipitado e sobre todo sen compensacións claras e tanxibles. Sempre dixen que tanto o PSOE estatal como o local víronse desbordados pola situación e non conseguiron converter aquel proceso nunha oportunidade de cambio e desenvolvemento. Non era fácil, na calle estaban tódolos días milleiros de persoas sen perspectivas de futuro claras, e obviamente o prioritario foi resolver este grave problema perdendo un tempo precioso para deseñar un novo modelo de desenvolvemento para a comarca que tivo que esperar décadas. Ademais entrounos a febre da “terciarización da economía” e baixo esa máxima detestouse todo o relacionado có sector industrial e pensamos que o futuro pasaba polo sector servizos, sen respostar á pregunta de, a quen prestaremos servizos si ninguén produce nada?
Toda esta historia e os sentimentos que produce en varias xeracións dos nosos concidadáns condénsanse na retirada do veto de ASTANO, de tal maneira que dicir que si á retirada e dicir que non a aquela reconversión e protestar e revolverse contra o máis escuro da nosa historia recente.
É por isto que entendo perfectamente as razóns de Rumbo 21 e creo que conectan con este sentimento cidadán. Pero non se trata do guión dunha película ou dunha novela, tratase dunha iniciativa lexislativa popular que se pretende converter en lei, e dende ese punto de vista hai que analizala.
En primeiro lugar, cabe destacar a inutilidade xurídica do texto que se propón que está cargado de voluntarismo pero que resulta inaplicable dado o reparto de competencias, xa non có Estado, senón coa Unión Europea.
Non poido compartir unha iniciativa que se afasta da realidade, que volve a vista ó pasado para conducirnos a repetir os erros en vez de apostar pola diversificación e internacionalización dun tecido empresarial cada vez máis diverso e competente, non recoñece os efectos positivos do acordo do 2004 que nos esta permitindo manter unha carga de traballo moi importante na Ría de Ferrol, especialmente na consolidación do sector de reparacións, e que sobre todo esquece o fundamental, o sector naval civil privado en Europa, e en España está en clara recesión xa dende fai décadas con peches ou suspensións de pagos de asteleiros especialmente no ano pasado.
Tentemos facer como nas comprobacións matemáticas e fagámonos algunhas preguntas: Si o sector naval civil é un gran negocio, porque hai outros asteleiros da Ría pechados? Porque non hai unha morea de propostas de inversores para comprar as instalacións e poñerse a producir barcos a toda presa? Porque están pechando asteleiros en España como Juliana ou Sestao? Porque UGT, CCOO ou a propia AIPF non apoian esta iniciativa?Finalmente, dicir que respecto profundamente o traballo de Rumbo 21 pero non comparto o seu contido nin estarei na mobilización, estarei ó lado dos traballadores, có meu sindicato e cós que comparten obxectivos con el. Insistindo no caracter público dos asteleiros de Navantia e traballando para contratar nova carga de traballo para o futuro.

No hay comentarios: