Reproduzo aquí o meu artigo sobre o decreto do carbón publicado no Xornal de Galicia.
A política enerxética está sometida a fortes tensións; os obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro, os prezos de produción, o mantemento de actividade económica nas comarcas mineiras, a dependencia enerxética do exterior, o nunca pechado debate sobre a enerxía nuclear, a necesidade de primar o desenvolvemento das enerxías renovables, o equilibrio entre capacidade de produción e capacidade da rede eléctrica e por suposto a presión enorme das empresas eléctricas sobre cada unha das decisións que toman os Gobernos.
Este panorama evidencia que estamos ante un problema complexo que debe ser tratado con seriedade, por iso cando escoito ó Conselleiro de Economía e Industria Javier Guerra e ó Director Xeral de Industria da Xunta de Galicia, Sr Tahoces, dicindo barbaridades penso que compre aportar argumentos e información veraz para que cada quen quede retratado polas súas verbas e os seus actos.
Hay que empezar dicindo que o chamado Decreto do Carbón non é un capricho de Zapatero, e unha medida para resolver un dos problemas que creou a crise económica, a saber, unha baixada notable da demanda eléctrica. Foi precisamente a confluencia desta baixada do consumo, xunto coa circunstancia dun inverno ventoso e pluvioso, que aumentou a produción de enerxía eólica e hidráulica, o que expulsou do sistema enerxético ó carbón, ó autóctono (asturiano e leonés) e ó de importación (Cerceda e As Pontes). Non saber isto sendo Conselleiro de Economía e Industria ou Director Xeral de Industria deixa en moi mal lugar ó cargo e ós titulares dos mesmos.
Polo tanto o Decreto do Carbón ven a resolver un problema non a crealo, e dende o PSdeG, tanto Patxi como os alcaldes de As Pontes e Cerceda estamos traballando có Ministerio de Industria para establecer un tratamento equitativo para o carbón de importación que nos permita seguir producindo electricidade con seguridade de permanencia no chamado MIX enerxético, e ata o de agora están atendendo as nosas razóns, porque comparten a idea de que non se pode, para salvar un sector, perxudicar a outro.
Pero ó final, o miolo do asunto está na negociación entre o Ministerio e as eléctricas sobre as compensacións que froito do decreto se aplicarán como garantía de dispoñibilidade e de nivel de produción mínimo técnico. Por certo, garantías que desaparecerán, igual que o actual problema, no momento que se recupere o consumo de enerxía.
Xurden tamén aquí posicións contrarias ó carbón, sexa cal sexa, pola contaminación de CO2, e apostas radicais do lado das renovables. Son comprensibles, pero compre lembrar que inexorablemente o desenvolvemento das renovables obriga a manter as centrais de carbón ou ciclos combinados, dado que por cada Kw de enerxía limpa necesítase outro de termocentral equivalente para poder substituílo cando esta falla, porque non sempre fai vento ou sol. O que ocorre é que na práctica, cantas máis renovables, máis porcentaxe de tempo están paradas as de carbón. Dito doutro xeito, o Sr Guerra e o Sr Tahoces non poden pedir ó mesmo tempo máis eólico para Galicia e máis produción de Carbón, mentres para rematala, en Madrid os seus correlixionarios propoñen substituír o carbón e as renovables pola nuclear.
Todo este debate está presente no diálogo sobre enerxía que ten en marcha o Ministro de Industria có PP, polo que o Sr Tahoces e o Conselleiro Javier Guerra, esta ben que lle falen a Zapatero e a Miguel Sebastián, pero de paso, podían facer dúas cousas: primeiro cumprir coas súas obrigas e ter presentado alegacións ó decreto no momento procesal axeitado ante a Comisión Nacional da Enerxía, cousa que non fixeron e segundo explicarlle ó Sr Montoro que é o que ten que defender nesa mesa de negociación, porque si defende o que dixo Rajoy no Congreso, simplemente se acabarían as axudas ó carbón, pecharíamos as minas de autóctono e tamén as centrais galegas, quizais a súa alternativa sexa recuperar o proxecto dunha nuclear en Xove.
2 comentarios:
Vai ti a saber co tema de Xove, pero o que importa é berrar, para que se vexa que quen máis oubea máis lobo é.
É interesante o dato que aportas de que por cada Kw de renovable ten que haber outro de térmica-ciclo combinado. E vemos que, coma ben dis, a evolución vai a ser a prevalencia de renovabeis polo seu desenrolo e optimización sobre as non renovabeis, ¿eso estará previsto, non?, por que non só temos a eólica e solar coma fonte de enerxía, senón tamén as mareas/ondas e xeotérmica.
Éche un comentario dun ignorante na materia, pero creo que é un nicho de traballo/investigación importantísimo. E en Ferrolterra hai un campus moi tecnolóxico que non se debería despreciar.
Un saúdo socialista compañeiro.
sobre todo hai que afondar no aforro. Segue a malgastarse moita enerxía nos fogares e, especialmente, nas administracións. Cada vez que vexo un centro médico coa calefacción a tope e as xanelas abertas dan ganas de chimpar a alguén por ela.
Publicar un comentario