Xa está, xa temos sentenza sobre o Estatut de Catalunya, e á vista da mesma coido que alguén debería de pedir desculpas ós cidadáns polas burradas que se teñen dito. Rajoy dixo que se ia romper España, que se destruía o consenso da transición, que estábamos revisando o pasado, que supoñía unha voadura do noso sistema fiscal, que a distancia entre o Estatut e a Constitución era abismal, que era o principio do fin do Estado deseñado no 78, que dividía ós españois e que se trataba dunha reforma encuberta da Constitución.
Eu non critico que o PP tivera unha posición contraria, nin sequera que presentara un recurso ante o Tribunal Constitucional, o que critico, denuncio e rexeito é que os mesmos preceptos que cuestinou en Cataluña foran aceptados en Andalucía ou en Valencia, e que puxera en marcha unha campaña de recolleita de sinaturas por toda España có único obxectivo de enfrontar ós cidadáns con Cataluña e có Presidente do Goberno “culpable da ruptura de España”.
Dentro desa campaña infame, Galicia foi tamén moeda de cambio, e o Señor Feijoo impediu o consenso necesario para reformar o noso Estatuto de Autonomía que circulaba pola mesma senda que o catalán, por orde expresa de Mariano, o de Pontevedra. E agora admite timidamente a posibilidade dunha reforma pero sen comprometerse a iniciala de inmediato, porque non cree nela e porque camiña na dirección contraria á súa política lingüística.
Eu non temo pola ruptura de España, porque creo no noso modelo autonómico, que se chama así, pero ten características de puro federalismo, especialmente agora nesta nova fase de reformas estatutarias. Non me gusta a palabra “patriota”, porque foi moi mal utilizada no pasado e non quero esquecer, pero estou farto destes patriotas de pacotilla, que acusan sempre ós demais de romper España cando son eles os que converten as diferenzas que nos deben enorgullecer, en muros de incomprensión e intolerancia; que falan catalán na intimidade cando lles convén e limitan o galego cando teñen maioría absoluta; que non se cortan en criticar a nosa economía e ó noso país aquí e no estranxeiro, aínda que iso poñan en risco a propia recuperación económica; que critican sempre as conquistas sociais, como os dereitos universalizados polos socialistas en materia de educación, sanidade, prestacións por desemprego, pensións e dependencia, ou os dereitos civís como o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a reforma do divorcio ou do aborto e logo non son quen de modificalos cando chegan ó poder, votando ademais boa man deles cando lles veñen dadas.
Agora xa hai sentenza, e os que tanto bramaron contra o Estatut, deben recoñecer o seu erro, e pedir desculpas ós cidadáns por tanta ponzoña que saíu polas súas bocas, e dar a cara e recoñecer que estaban equivocados. Pero isto non é posible no PP, aínda son quen de negar que mandaran soldados a Iraq, e iso que hai fotos e reportaxes de televisión, aínda non fixeron dimitir a Trillo polo Yak 42 nin a Fabra, nin a Agustín Fernández. En fin, non teño esperanzas de que emenden a súa actitude, pero o colmo do esperpento e a desculpa autoexculpatoria de Mariano Rajoy, “son cosas del viejo PP”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario