Dende o comezo deste lío, deste desfilar de despropósitos, había un elemento que o Goberno da Xunta e os que o acompañaron non tiñan en conta, e era fundamental: para que as dúas caixas se fusionen teñen que querer fusionarse, que ven sendo o anverso do dito de que “dous non se pelexan se un non quere”. Era máis doado andar buscando inimigos do pais ou lacaios de partidos de Madrid, ou alcaldes toleados polas vindeiras eleccións. Pero mira ti que era o que era, e agora xa foi, Marica non chores!. E agora que coñecemos algo máis as cartas dos xogadores descubrimos que a auditoría da Xunta era feita á medida, que o señor Feijoo sabíao e minteunos dende o primeiro momento. Sabemos tamén que si se levaran a cabo os plans do Presidente da Xunta e nos coméramos unha fusión coa culler da Lei de Caixas de Galicia o produto resultante estaría adulterado de inicio e faríase cun financiamento insuficiente que quizais tería posto en risco a nova caixa a medio prazo.
Insisto, tal como dixen no meu anterior artigo, quizais este era o plan perfecto para ofrecer a Rodrigo Rato unha Caixa Galega fusionada que tampouco podería seguir adiante soa. A desculpa perfecta.
Pero mira ti, que contrariedade que se cruzaron no camiño un tal Caballero e un tal Zarrias e obligaron a falar do que hai que falar, da realidade económica de cada unha das entidades. Fíxose como se tiña que facer, porque un Goberno non pode saír dicindo que a Caixa tal está arruinada xa que senón ó día seguinte provocaríase un pánico que a afundiría definitivamente. Pero o Presidente da Xunta tiña esta información, e mandou gastar un millón de Euros para que unha ex diputada do PP de Madrid (todo acaba alí), elaborara unha auditoría á carta, e enfundado na bandeira galega, ese mesmo Presidente que odia e aniquila a nosa lingua, acompañado por un BNG, ben intencionado seguramente, pero mal acompañado elaboraron unha lei para completar a estratexia.
O anuncio, parece que serio, das dúas caixas galegas de fusionarse é unha boa noticia, é un alivio que non se perda un elemento máis do noso tecido económico como no seu día perdemos o sector lácteo ou estamos a piques de perder o sector eólico. Agora parece que a fusión, tal como se configura, necesitará de reformas lexislativas por parte do Parlamento Galego, será unha boa ocasión para que as tres forzas políticas atopen a unanimidade que non foi posible na Lei de Caixas, os tres na defensa dos principios que ó comezo do proceso se acordaron, galeguidade e solvencia da caixa resultante. Pero esta vez debería ser movidos pola realidade económica das caixas e polas necesidades obxectivas da fusión e non polas estratexias de partido, e digo isto para os tres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario