A posición do PP sobre o ensino do Galego parte de principios ideolóxicos sobre o dereito á educación que non caben na Constitución. Non falamos da educación como un conxunto de hábitos sociais que se transmiten de pais a fillos, senón como o proceso de adquisición de coñecementos que procuran o “pleno desenvolvemento da personalidade humana” (artigo 27.2 da Constitución) que configuran o noso Sistema Educativo.
A Constitución, que noutros aspectos tanto di defender o PP, establece en primeiro lugar a liberdade de cátedra no artigo 20 para logo, dentro do artigo 27 falar do dereito á educación como un dereito de tódolos cidadáns, e da obriga dos poderes públicos de garantir o dereito á educación mediante “unha programación xeral” elaborada con participación dos “sectores afectados e os centros docentes”. Só aparece unha referencia ós pais no tocante á educación relixiosa e moral.
Polo tanto, a educación comprendida no sistema educativo non é un dereito dos pais sobre os seus fillos, senón un dereito de tódolos cidadáns, en primeira persoa dos nenos, de acceder ó coñecemento da man dos poderes públicos, mediante unha programación xeral obrigatoria para todos. Dito doutro xeito, os pais non poden, segundo di a Constitución, educar ós seus fillos en contra dos principios e contidos que democraticamente as leis establecen. Por exemplo, e xa que está de actualidade, estaría fora da lei ensinar a teoría do Creacionismo e negar a teoría da Evolución das Especies de Darwin.
Corresponde, xa que logo, ós poderes públicos, neste caso á Xunta de Galicia, coa participación efectiva dos sectores afectados, organizacións de pais, sindicatos etc, a responsabilidade de elaborar unha programación xeral para o ensino de tódalas materias, tamén da lingua galega, e só cabe decisión dos pais sobre as cuestións relativas á relixión ou á moral.
No caso do ensino do Galego, non cabe unha decisión individual dos proxenitores e moito menos a falsa democracia da maioría dentro dun aula. ¿Como se garanten os dereitos dos que queden en minoría? ¿Como se conxuga este sistema có cumprimento da obriga do Estatuto de Galicia de promover o uso do Galego?. Só á Xunta e ó Parlamento lle corresponde regular as características do ensino da lingua galega e castelá e das demais materias. Se queren rexeitar a nosa lingua, que o fagan. Que sexan claros e valentes e que asuman as consecuencias desa decisión, pero que non se escuden detrás dos votos dunha democracia interesada.
3 comentarios:
Acabo de escoitarte peneirando ao Conde Roa (que a roa o conde!).
Moi lúcido, rapaz. Áxil e cos argumentos ben construídos. Parabéns.
Veña! Non se ve a luz ao final do tunel. Entrementres, seguimos camiñando.
Antón Labraña
Moitas grazas amigo Antón, isto non é máis que o
principio dunha dura loita. Estamos ante Feijoo "el empecinado" e non será fácil virarlle o pulso, ainda que teño a esperanza de que a nosa forza reside na grandeza da nosa causa. En todo caso, en defensa do Galego é unha batalla que temos que dar sexa cal sexa o resultado, por responsabilidade histórica e por coherencia persoal.
Noraboa Xavier pola túa defensa do galego, xa lein os teus artigos do Xornal.
Publicar un comentario