27 de enero de 2010

As debilidades do Goberno de Feijoo

Reproduzo aquí o meu artigo de hoxe no Xornal:

Cando Feijoo estaba na oposición, debuxaba unha Galicia en perigo, as infraestruturas eran “imprescindibles para o desenvolvemento do País” pero os Gobernos de Touriño e Zapatero nunca cumprían dabondo, nin có 8% do orzamento do Estado nin aínda que incrementasen os recursos ata duplicalos en relación ós Gobernos de Aznar e Fraga.

Cando chegou a crise económica internacional e en Galicia seguíamos creando emprego, o Sr Feijoo culpaba a Touriño da crise e acusábao de non facer nada para resolvela. Naqueles anos bateuse o record de licitación de obra pública, conseguíronse fondos do Banco Europeo de Investimentos e seguiuse creando emprego. Pero xa case levamos un ano con Feijoo de Presidente, xa esgotou un 25% do tempo que os votantes lle deron, e o balance e ben pobre.

A crise agora xa non é cousa da Xunta, é de Zapatero; as infraestruturas seguen a ser importantes, pero as de Madrid. Todo funciona baixo a máxima “a Madrid pedir e de aquí non dar”. O Ministro de Fomento comprometese có AVE e a Xunta paraliza os investimentos baixo a desculpa da “austeridade”. No ano 2009 quedou sen executar case a metade do presuposto da Xunta e seguimos o mesmo camiño para o 2010. Será incapacidade? Será a aplicación das receitas de Rajoy para saír da crise? Quizais as dúas cousas, pero o resultado xa se ve, Galicia pasou de ter indicadores de desemprego mellores que a media estatal a destruír máis emprego.

Aínda están có argumentario de que “a culpa foi do bipartito”, pero os galegos e galegas votaron, e decidiron un cambio de Goberno e con iso colocaron nel a responsabilidade de concertar e gobernar, e aquí está a súa maior debilidade. Cal é o Conselleiro ou Conselleira que deseña a política económica? Que fai o IGAPE cós recursos? Cal é a política industrial? Quen se responsabiliza do Diálogo Social?

Ocuparon as Consellerías unha nova xeración de “políticos de gabinete”, moitos deles sen coñecemento da sociedade que deben gobernar. Perciben unha Galicia sen capacidade para saír adiante, e están obsesionados con borrar o legado do bipartito, por iso cren que antes de comezar hai que desfacer. Levan case un ano e aínda non tomaron posesión das súas responsabilidades.

Atópanse ante unha Galicia na que o PSOE e O BNG gobernan no eido municipal o 60% da poboación, especialmente as cidades e vilas, e non son capaces de colaborar lealmente cós poderes locais, non lles queren dar alento. Ven con preocupación unha sociedade máis esperta do que pensaban e comezan xa a falar dos sindicatos, das organizacións sociais en xeral como satélites interesados e teledirixidos pola oposición, deslexitimando o seu papel representativo. E, como non, recuperan o uso partidario dos medios de comunicación públicos e a mentira como elementos normais da actividade política (non hai máis que ver o tratamento da manifestación do pasado xoves).

Xa se fala da primeira crise de Goberno e aínda non empezaron a andar. Moita incerteza e pouca capacidade, iso é o que se ve.

No hay comentarios: