4 de diciembre de 2009

Fusión das Caixas, ¿para que?

Reproduzo o meu artigo sobre a fusión das Caixas publicado no diario O Xornal a pasada semán.
Chegou a Crise Económica Internacional e quedaron espidas as nosas debilidades económico financeiras. Neste intre, o centro de atención mediático e político sitúase na resolución da gran pregunta: ¿Deben fusionarse as nosas Caixas? E teño a impresión, de que unha vez máis, as urxencias para acadar unha resposta fainos esquecer porque chegamos ata aquí.

Esta historia non comeza coa caída de Lehman Brothers, nin cós cumios do G20, nin sequera coa aprobación do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria, senón coa estratexia empresarial durante décadas de dúas entidades que resolveron problemas persoais e familiares dos seus dirixentes, que antepuxeron afinidades políticas e persoais a criterios económicos e sociais e que esqueceron o papel que tiñan que xogar no país.

Sería demagóxico imputar tódolos males da nosa economía ás Caixas galegas, pero certamente, en conivencia con poderes políticos e empresariais, contribuíron á perda por peche ou deslocalización de sectores prioritarios da nosa economía, como o sector lácteo, o sector eléctrico, importantes inmobiliarias, a conserva, a pesca ou a acuicultura.

Fronte a isto, apuntáronse á especulación urbanística, non só en Galicia, senón noutras partes do Estado e incluso no estranxeiro. Resumindo, colleron o diñeiro dos depósitos, das nóminas e das pensións dos galegos e galegas e favoreceron a creación de riqueza e emprego fora de Galicia.

Xa metidos sen remedio na urxencia de acadar unha solución, concordo cós criterios que se veñen expresando con tanta unanimidade como inconcreción: que o centro de decisión se manteña en Galicia, que ningunha das dúas sexa absorbida por unha entidade de fora de maior tamaño, etc. Pero a pregunta que a min me amarga é ¿Para que unha fusión ou un SIP? Si damos este paso para que efectivamente os Consellos de Administración das Caixas representen os intereses sociais para os que foron concibidos, para favorecer unha política económica comprometida có país, có sector industrial, coa I+D+I, có apoio ós emprendedores, cunha obra social de menos cemento e máis implicación nos problemas das persoas, entón digo SI; pero si se trata simplemente de salvar este obstáculo circunstancial para seguir coa mesma política financeira, coa mesma fauna dirixente e as súas disputas interesadas, para seguir apostando pola especulación, polo enriquecemento rápido a costa do futuro, para manter unha obra social de escaparate, pompa e circunstancia, non faremos nada.

Seguramente o dilema resolverase doutro xeito, xa que un modelo axeitado de Caixa Galega non será posible sen unha fusión previa, pero esta por si mesma non garante nada. Por isto preocúpame a falla de información e de proxecto concreto do Goberno da Xunta. Non pode ser que Feijoo pretenda ser un mero árbitro, ou que derive a responsabilidade da súa posición cara ás demais forzas políticas sociais ou económicas. A Xunta de Galicia debe ter unha posición clara e argumentada, non só en relación a fusión senón no tocante ó modelo de futura Caixa de Aforros Galega.

No hay comentarios: