No mercado laboral existe unha entidade, que empresarios e traballadores respectan, que se chama Autoridade Laboral. Ten a última palabra na resolución, por exemplo, dos Expedientes de Regulación de Emprego (EREs), ten tamén a capacidade de sancionar e de executar á vez as sancións da Inspección de Traballo, de exercer o control de legalidade dos Convenios Colectivos e de intermediar en xeral nos conflitos laborais. A Autoridade Laboral reside na Xunta de Galicia, concretamente na Consellería de Traballo, que ademais engade a estas competencias as de promoción do emprego mediante as chamadas Políticas Activas de Emprego (formación, programas de cooperación, escolas taller, etc...).
A credibilidade desta institución, que funcionou historicamente ben con Gobernos de todo color, seguramente por ser un espazo ocupado sempre por persoas pertencentes ó mundo das Relacións Laborais, está en entredito pola torpeza, pola ilegalidade cometida pola Directora Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Dona Ana María Díaz López.
Poden darlle as voltas que queiran, poden tentar confundir á opinión pública, poden incluso convencer ós medios de comunicación ou á maioría dos cidadáns de que esta señora non ten que dimitir, pero o mal que están facendo a un ámbito tan sensible como as Relacións Laborais en Galicia é irreparable. Nin a Directora Xeral, nin a Conselleira terán forza moral nin credibilidade para adoptar medida algunha no mundo do traballo, nin para sentarse a resolver un conflito, nin para pedir ós empresarios que cumpran as Leis e os Convenios Colectivos, nin para soster ante os sindicatos que traballan por facer cumprir a normativa laboral, mentres unha sentenza afirme que a Directora Xeral de Formación e Colocación despediu persoalmente a unha traballadora que ademais estaba contratada ilegalmente.
Din, para rebater a sentencia, que a Directora Xeral non forma parte da sociedade mercantil na que a empregada traballaba. Xustamente esta desculpa afirma a existencia do delito, pero é que ademais a sentenza di que foi persoalmente esta responsable da Xunta a que despediu á empregada có que se confirma dobremente a súa responsabilidade, como di a sentenza “solidaria”, da Directora Xeral, do seu pai e o seu irmán.
Calquera condena xudicial sería motivo para a dimisión dun cargo público, pero neste caso o agravante é que se trata dunha condena por contratación e despido ilegal a un cargo público que forma parte da Autoridade Laboral que debe velar polo cumprimento da Lei no mercado de traballo.
Son moitos xa os casos de corrupción e irregularidades que afectan ó Goberno de Feijoo, o Delegado Territorial de Ourense, os Conselleiros Rueda e Hernandez e agora a Directora Xeral de Formación e Colocación. Aquelas defensas pomposas da austeridade e da decencia política que facía o señor Feijoo durante a campaña están desacreditadas. Urxe que se tomen medidas drásticas con rapidez ou estes enredos empantanarán a xestión das Consellerías durante toda a lexislatura.
1 comentario:
http://pobrasocialista.blogspot.com/
HOLA XAVIER:
XA TEMOS ANUNCIADO O ACTO DESTE VENRES. ¡CONTAMOS CONTIGO!
UN SAÚDO:
TERESA
Publicar un comentario