13 de diciembre de 2011

O futuro do PSOE - 1º

Hoxe constitúense as Cortes da X Lexislatura cunha maioría absoluta do PP con todo o que iso supón para este país nestes tempos de crise e dificultades.

Para min tamén comeza unha nova etapa, de ser Deputado do partido gobernante a un traballador máis de Navantia, onde me incorporarei no mes de xaneiro. Asumo este cambio con toda naturalidade, e non oculto que con certo alivio (nos últimos tempos a política estase convertendo en actividade de alto risco), consecuencia lóxica da esixencia cidadán de solucións ós graves problemas que nos embargan.

Tamén esta nova situación permíteme falar con maior liberdade, sen as ataduras que un cargo de representación pública comporta. Agora falarei como un cidadán calquera, só suxeito á miña historia e á miña posición ideolóxica persoal.

Destes anos de Deputado e Senador có Goberno de Zapatero direi, como penso que é amplamente compartido, que a primeira lexislatura foi brillante, con avances sociais que nos colocaron á cabeza dos países desenvolvidos en dereitos civís e sociais, (este será sen dúbida o xermolo da recuperación socialista). E a segunda foi unha sucesión de erros e falla de valentía para resolver a crise dende os postulados socialdemócratas.

Cando a dous anos da lexislatura puxemos en marcha aquela campaña "Novas Enerxías" eu propuxen na reunión do Grupo Parlamentario dúas das medidas que foron as estrelas das propostas de Rubalcaba: a creación dun Banco Publico partindo do ICO e unha reforma fiscal para gravar as rendas altas. Naquel momento tiñan lóxica, pero en plena campaña do 20N era demasiado tarde. Todo estaba perdido.

Pero agora non cabe lamentarse nin insistir naquilo de "xa o dicía eu", máis ben hai que recitar o "agora xa foi, Marica non chores".

Son para o partido tempos convulsos e difíciles, nos que podemos acertar ou non. Eu non comparto a opinión dos que pensan que o sucedido é só consecuencia da crise económica e que superada esta recuperaremos o apoio electoral. A maiores da crise pasaron outras cousas: apareceu un movemento cidadán, o 15M que removeu as conciencias e a forma de ver as cousas de millóns de persoas, aínda que fora para empuxalos a votar ó PP; no Congreso séntanse grupos parlamentarios importantes á esquerda do PSOE; e o máis evidente, unha perda de poder institucional do PSOE a tódolos niveis histórica.

Por iso creo que a recuperación hai que organizala simultánea-mente en dous niveis: por unha banda no discurso xeral do Partido e na elección de dirixentes novos, que aínda que sexan descoñecidos teñan a capacidade de romper a conexión coa última etapa de Zapatero; e por outra facendo un traballo orgánico de expansión e crecemento do Partido.

Ademais, creo que hai que actuar rápido, porque a crise pode erosionar rápida e profundamente ó PP e cando iso suceda temos que estar en condicións de ser a casa grande da esquerda, para evitar que o sistema electoral volva a favorecer á dereita que sempre se presenta unida fronte a unha esquerda disgregada.





4 comentarios:

Rosa dijo...

Non che digo "ánimo"! porque xa vexo que o tés! Tamén nós estamos animados/as a abrir unha etapa nova na que caiban todos aqueles que se din socialistas, fortes e coas ideas claras. Niso andamos xa... Agardo verte o mércores por aquí. Forte aperta.

Fran Prego dijo...

Temos un partido que aceptou os principios básicos do capitalismo reservando parte da xestión aos poderes públicos. En tempos de prosperidade esto funcionou orientando os cartos a gasto social.Abandonamos algunha das acertadas ideas que mencionas e deixámonos caer nas mans do mercado. Erro. Agora os mercados financeiros impoñen o desmantelamento e vémonos no dilema de ceder o apandar coas consecuencias. A nosa política non se diferencia agora da que poidan facer outros: tanquilizar aos mercados. Hai que reformular o corpo ideolóxico da socialdemocrácia, con novos liderazgos sin mochila. Replantexarnos o discurso dos impostos, o fraude, os paraisos fiscais, a redistribución da riqueza, o dereito a vivenda, a xestión das finanzas ¿so privada ou tamén pública?... e a nivel órganico, como ven dis, recompoñer o partido recuperar o voto disperso que buscou e atopou acougo. Xa se sabe, en política os espacios que quedan libres acaban sendo ocupados por outros.



Estamos en tiempos de refundaciones

Andrea dijo...

Ainda que polo momento xa non estas na primeira linea da politica, espero que o partido aproveite a tua experiencia e dende a tua posicion axudes a aportar as solucions para afrontar a nova etapa do partido.
Por outro lado non poido estar mas de acordo con que non śo é a crise a que nos fixo perder votos tamen a nosa deriva alonxándonos dos cidadáns e sobor de todo dos que menos teñen.
Sorte na nova/retomada etapa profesional.

valentin formoso dijo...

Xavier, estou de acordo íntegramente coa túa análise do porqué e do como. Agora debería tocar unha desconexión coas últimas políticas de Zapatero, ás que critico non xa as medidas adoptadas, senón as non adoptadas, e só como exemplo como pode ser agora o goberno do PP o que lle ande detrás (aínda que dunha forma suave) aos escandalosos soldos dos directivos das caixas intervidas polo FROB. Necesitamos ilusionar e para elo son necesarios nomes e discursos que se alonxen dos que permitiron ésto ou mesmo indultaron a Alfredo Sáez etc..

P.D. Xa botamos de menos a túa presencia no Congreso e isto non fixo mais que empezar.