30 de junio de 2013

Ampliación sobre o meu artigo que publica hoxe a Voz de Galicia sobre o Tax Lease


Tax Lease: axuda ilegal ou política fiscal?

Tras a denuncia presentada por Holanda contra o noso sistema de Tax Lease na que se nos acusa de establecer axudas ilegais ó Sector Naval, estamos enredados nun contencioso coa Unión Europea sobre si estamos a falar dunha axuda ilegal ou dunha política fiscal. Anticipo que na miña opinión trátase dunha política fiscal que non só se emprega en España có Sector Naval, senón en toda Europa con todo o sector industrial, e aí está precisamente a diferencia que nos enreda.
Como funciona?
O tax Lease é unha operación financeira a catro bandas na que participan: un armador que compra un barco, un estaleiro que constrúe e vende o barco, un inversor en forma xurídica de AIE (Agrupación de Intres Económico), unha especie de unión temporal de empresas (UTE) de carácter fiscal, e finalmente un banco que presta os servizos de Leasing.
O asunto transcorre así: o estaleiro vende o buque ó banco, que á súa vez formaliza un contrato de leasing a un prazo moi curto, normalmente 3 anos, có inversor organizado nunha Agrupación de Intrés Económico (AIE), en moitos casos como ten publicado a prensa, teñen participado empresas como Inditex ou El Corte Inglés. Estas empresas asociadas na AIE alúganlle o barco ó armador, a quen llo acabaran transmitindo ó finalizar a operación. Os reducidos prazos da operación xeran na AIE unhas fortes bases impoñibles negativas que lle reportan unhas desgravacións fiscais que permiten rebaixar o prezo do buque case nun 30% ó armador e reducir a factura fiscal das compañías inversoras nunha porcentaxe similar.
Que consecuencias ten?
As consecuencias destas transaccións son boas para tódolos participantes, o asteleiro vende o barco a prezo de mercado, o armador aforra un 30% do custo do buque, as empresas inversoras reducen substancialmente a súa factura fiscal e o banco cobra unha comisión polos servizos prestados. Pero nesta rolda falta por preguntarse, quen paga a factura? A resposta non ten dúbida, é a Facenda Pública a que financia cós impostos de todos o conxunto da operación en modo de devolucións fiscais ós inversores.
Unha vez postas cara arriba as cartas desta xogada, se aplicáramos a lóxica deste tempo de crise no que todo se reflexiona coas vísceras, o primeiro que afirmaríamos é que se trata dun engano para que os máis ricos non paguen impostos, xa que aínda que non son os únicos beneficiados son os que sen ter relación algunha có sector naval reciben directamente as desgravacións fiscais.
Pero compre unha mirada máis reflexiva e sistémica, xa que nestas cuestións tan complexas non debemos caer no mesmo erro que, ó meu entender comete a Unión Europea, que é o de abordar só un aspecto do problema en intrés neste caso do país denunciante de España ou dos nosos competidores en xeral.
A aplicación deste sistema financeiro permite que compañías con altos beneficios invistan grandes sumas directamente no tecido produtivo, activando un sector que sen esa participación non existiría. Pode haber quen diga que se podería facer o mesmo si primeiro cobramos os impostos a estas grandes compañías e despois os investimos no Naval, pero non podería ser, porque as axudas públicas están prohibidas. Tamén se pode dicir que si os estaleiros non son competitivos que pechen, pero o certo é que as condicións para esa competencia estas suxeitas a normativas internacionais cambiantes, unhas europeas e outras de comercio internacional, que provocan desaxustes tan potentes no mercado como para poñer en perdas ou ganancias a un estaleiro nun momento determinado. Ademais o Sector Naval xera I+D+I e coñecemento que logo se aplica a outros moitos ámbitos da actividade produtiva. En resumo trátase dun sector estratéxico ó que non podemos nin debemos renunciar.
Por outra banda resulta máis que discutíbel que a Facenda Pública perda con estas operacións. En primeiro lugar, poderíamos falar en termos estritamente recadatorios,   xa que aínda que cada operación financiada por este sistema supón un cargo para Facenda en forma de devolucións ou desgravacións fiscais cuantiosas, tamén debemos ter en conta toda a actividade económica e o emprego correspondente que se xera con cada operación e do que se derivan retornos fiscais en Imposto de Sociedades, IVA, IRPF e cotizacións sociais que compensan economicamente as achegas iniciais. E non menos importante e o balance social, o que supoñen 85.00 empregos nun momento como o actual no que a taxa de paro está a bater records.
Por tanto, antes de afirmar que se trata dunha “perda”, debemos establecer fronte a que, e neste caso só hai unha alternativa posible á existencia dun mecanismo como o Tax Lease, que é sinxelamente a desaparición  da actividade do sector naval coas consecuencias económicas e sociais que isto tería.

Que é o que habería que devolver e quen o devolve?
En primeiro lugar debemos lembrar que este sistema de financiamento non é un invento froito da enxeñería financeira, senón un sistema impulsado conscientemente por distintos gobernos para facilitar a supervivencia do sector naval despois das reconversións dos anos 80, recollido na lexislación tributaria e revisado polo tanto polas autoridades europeas ó longo dos anos. Ninguén pode agora dicir que non sabía nada, o propio Almunia foi Ministro de Economía e coñecía este mecanismos financeiro de primeira man.
Son as desgravacións recibidas polos inversores en cada unha das operacións realizadas dende o ano 2.005 as que agora Almunia di que hai que devolver, en total preto de 3.000 Millóns de euros.
Non está nada claro quen debería facer tal cousa, xa que o armador pagou o buque máis barato pero non recibiu ningunha cantidade para financiar a diferencia; o estaleiro en ningún caso, xa que vendeu a prezo de mercado; o banco por suposto que non xa que só fixo de intermediario; e o inversor recibiu unha desgravación fiscal en aplicación estrita da lei.
Só queda polo tanto que o Estado asuma a sanción, e parece o máis lóxico dado que dita sanción emanaría dunha “suposta axuda pública ilegal ó sector naval” concedida por un Estado en aplicación da súa lexislación a un estaleiro a través de intermediarios. Neste caso o erario público pagaría dúas veces, unha mediante as desgravacións que xa fixo e outra aboando as sancións.
Si tal cousa fixéramos, si o Estado español devolvese as axudas, eses cartos nin sequera irían a financiar débeda, ou  a compensar os esforzos que a Unión Europea impón á nosa economía, non servirían tampouco para pagar os xuros da débeda pública, nin poderíamos contemplar como son fagocitados nunha tarde por unha súbita subida da prima de risco. Simplemente arruinaríamos o sector naval e de paso algunha das empresas que fixeron de inversores cunhas repercusións en perda de emprego que algúns cifran en máis de 85.000 postos de traballo. Case nada, sería colocar a Vigo cunha taxa de paro superior ó 50% e a Galicia por enriba do 30%.
Si devolvésemos as axudas presuntamente ilegais engordaríamos o déficit público, atrás viría a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional esixindo a España máis control do Déficit, ou sexa, máis recortes, que terían, como xa está demostrado en Grecia e Portugal e o propio FMI asume, consecuencias negativas no crecemento, na recadación fiscal e novamente no control do déficit, para seguir non sei ata cando liados nesta rolda da desfortuna da que xa non sei si queren que saiamos nunca.
Porqué debemos devolver dende o 2.005?
Isto si que é de traca, “porque coincide coa apertura dunha investigación formal a Francia polo seu Tax Lease”, Toma! Como a Xan lle doe a cabeza ímoslle dar unha aspirina a Perican!. E despois falan de enxeñería financeira, isto si que é enxeñaría argumental. Non sería máis lóxico que a nosa sanción coincidira coa apertura formal da investigación aberta a España deribada da denuncia de Holanda, ou sexa 2.011?.
Por certo, a Francia abríronlle unha investigación que deu lugar a cambios no seu sistema de Tax Lease, pero despois diso, seguiu aplicando IVA reducido á construción naval ata o 2.010.
Que argumentos emprega Europa?
A base argumental da denuncia contra o Tax Lease español é que ó tratarse dun mecanismo financeiro restrinxido unicamente ó Sector Naval non se pode catalogar como política fiscal, senón como unha política sectorial que ten como único obxectivo o transvase de recursos públicos ós estaleiros privados, feito estritamente prohibido pola lexislación europea. Por iso a Unión Europea esixiu a España modificar o seu sistema para estendelo a tódolos sectores industriais provocando o cambio normativo que actualmente está en vigor e mediante o cal se pode financiar calquera investimento industrial que teña lugar en varios exercicios.
O argumento pode parecer razoable a primeira vista, pero si estendemos a mirada a outras realidades existentes na Unión, e incluso en España comprobaremos que están collendo o rábano polas follas. Por exemplo, cando Irlanda decide manter o imposto de sociedades no 12% fronte ó 30% de media no resto da Unión, isto que é, Política fiscal ou competencia desleal? Ou por exemplo cando un país decide poñer un IVA reducido ós bens e servizos dun sector determinado, como Francia e Italia tiñan ata o ano 2010 ó mesmísimo Sector Naval, ou en España ó Sector Turístico, que é política fiscal ou competencia desleal?
En definitiva para que a Unión Europea poida falar de transgresións da libre competencia primeiro debe unificar a fiscalidade, porque senón estamos comparando partes incompletas e inconexas dos sistemas fiscais de cada país que responden en cada caso a unha serie de equilibrios internos que non se poden xulgar un a un senón no dentro do conxunto de política fiscal de cada país.
Polo tanto Rajoy nos Consellos Europeos debería relacionar este asunto con tódalas condicións que a UE impón a España en materia económica e esixir avances na harmonización fiscal comunitaria.
Como funciona noutros países europeos?
Aínda que cada país ten o seu mecanismo propio, a maioría son sistemas similares ó Tax Lease español, pero o certo é que son de carácter xeral, aplicables a todo o sector industrial como o que finalmente a UE nos impuxo recentemente.
Porqué existen mecanismos de apoio á industria?
Este si que é un debate pertinente no noso país. Debemos aceptar que non fixemos as cousas tan ben como dicimos, que mentres outros se esforzan por manter e potenciar as súas industrias, nosoutros menosprezamos o Sector Industrial como si non fose importante para a nosa economía.
 A existencia de mecanismos financieiro-fiscais en apoio do Sector Industrial ten a súa raíz na aposta estratéxica que cada país fai do seu tecido económico. E nisto si que nos diferenciamos, para mal coa Europa do norte. En España, dende as reconversións dos anos 80 que Alemaña, Francia, Inglaterra ou Holanda nos impuxeron para entrar na UE, tódolos gobernos, por distintas razóns, por acción ou por omisión, evitaron colocar ó sector industrial como un sector estratéxico.
Durante os gobernos de Felipe Gonzalez abrazamos aquela máxima absurda de Solchaga que dicía que “la mejor política industrial es la que no existe”. Transitamos aqueles anos depositando na terciarización da nosa economía as esperanzas de crecemento económico que viñeron finalmente do sector turístico e da modernización vexetativa do tecido económico. Chegamos incluso a non ter Ministerio de Industria e a pretender converter as nosas cidades industriais en cidades de servizos. Mentres a Unión Europea cofinanciaba polígonos industriais nos gastabamos os cartos en facer estadios de fútbol e paseos.
Nos gobernos de Aznar a política industrial foi a liquidación do sector público para facer caixa e poder cumprir os criterios para entrar no euro, facendo de paso ricos a algúns compañeiros de pupitre. Máis aló diso o sector industrial nunca foi unha prioridade xa que para o novo período de crecemento o sector elixido era o inmobiliario e a aposta, a especulación urbanística.
Con Zapatero no goberno o sector industrial bateu records de crecemento e investimento, polo que non se estimou preciso reforzar un sector que xa estaba marchando ben. Aínda así puxéronse en marcha políticas de apoio ó investimento como as axudas de Reindustrialización do Ministerio de Industria que supuxeron para Galicia o período de maior investimento industrial da súa historia debido ó Plan Ferrol e ós Plans específicos do automóbil en Vigo. Tamén a aposta polas enerxías renovables tivo un grande impacto positivo no sector industrial. O erro foi non decatarse de que a maior parte dese crecemento do sector industrial estaba vencellado precisamente á construción e en menor medida ás enerxías renovables. A crise encargouse de esnaquizar a construción e Feijoo e Rajoy coa anulación do concurso eólico en Galicia e logo a eliminación das primas ás renovables, encargáronse do resto.
En conclusión, mentres os países máis industrializados de Europa miman ás súas industrias e organizan os recursos e infraestruturas en beneficio do desenvolvemento industrial, ata chegar a  condicionar a política europea,  nos levamos décadas sen unha política industrial estratéxica clara, sen resolver eivas como a carestía da produción eléctrica ou o dimensionamento da rede de distribución ou o financiamento dos investimentos industriais. Seguimos sendo un país dependente enerxéticamente e que non é capaz de xerar riqueza partindo dos propios recursos e capacidades.
En Galicia, por exemplo o goberno de Feijoo segue poñendo velas a San PEMEX ou ó proxecto de facer coches eléctricos en Melón, ou á fábrica de baterías de Mitsubishi que malogrou un terremoto,  todas elas iniciativas cunha gran carga mediática pero cunha nula visión de país. Non son mais que malabarismos dun funambulista.
Entre tanto sectores como as enerxías renobabeis, o forestal, a pesca o a produción agropecuaria seguen sen arrancar ou carrexando problemas sen resolver que os veñen lastrando en sucesivos procesos agónicos dos que nunca saímos.
Debe seguir existindo o Tax Lease? En que condicións?
O Tax Lease é un sistema de financiamento que permite cumprir varios obxectivos ó meu entender positivos: que grandes compañías con altos beneficios invistan directamente no sector produtivo, que se manteñan sectores industriais craves para o país, que se manteñan gran número de empregos en sectores altamente tecnolóxicos ou que se produzan retornos impositivos derivados dunha gran actividade económica. Polo tanto debería manterse, e ó meu entender estenderse a todo o sector industrial para facilitar, como fan os demais países europeos a industrialización permanente das súas economías a pesares da competencia de países como China.
Que postura deberíamos defender na Unión Europea?
A posición de España ante a Unión Europea neste asunto non é nova, senón que foi defendida en termos moi similares ó longo dos anos por diversos gobernos de diferentes colores políticos. Isto sen dúbida debe facilitar un acordo entre tódalas forzas políticas en defensa do Naval.
Trátase de defender que o Tax Lease é unha política fiscal que pretende facilitar investimentos privados directos no sector industrial, tal como fan outros países da Unión. Tamén debemos rexeitar a data do 2.005 como data de inicio das supostas devolucións por arbitraria e argumentar que provocar unha devolución imputable a calquera das partes traería como consecuencia unha inestabilidade xurídica que impediría novas operacións no futuro aínda no caso de manterse o sistema e vigor.
Finalmente non debemos tratar este asunto ó marxe do resto de condicións que a Unión Europea nos impón en materia de política económica. Non podemos estar falando de poñer en marcha políticas de estímulo da actividade económica e do emprego xuvenil por unha banda e pola outra aceptar a desaparición de todo un sector económico como o naval. En que cabeza cabe que gastemos inxentes sumas de diñeiro dos contribuíntes en rescatar ós bancos mentres deixamos afundir os nosos sectores produtivo. Que modelo de economía estamos construíndo? Cando os bancos estean saneados a quen lle van prestar cartos si estará o tecido produtivo na ruína?
Europa ten que comprender que o noso Sector Naval non pode asumir máis sacrificios, e ten que escoitar a voz unánime dos galegos e demais Comunidades Autónomas afectadas nunha reivindicación xusta. Paralelamente a nos, ós nosos gobernantes correspóndenos deseñar unha política industrial que transcenda a duración dunha lexislatura có obxecto de deseñar un modelo de desenvolvemento sostible tanto medioambiental como económica e socialmente.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Genial!