Artigo publicado no Diario de Ferrol con motivo das eleccións bna Cámara de Comercio de Ferrol.
É a primeira vez que unhas eleccións á Cámara de Comercio espertan tal expectación, sen dúbida pola incursión de Xoán Gato como candidato. Eu non son empresario e non teño dereito a voto neste lance pero se o tivera votaría precisamente calquera cousa menos ó que representa este persoeiro. Nunca entendín ese certo recoñecemento que determinada esquerda comarcal sempre tivo coa traxectoria e os resultados de xestión dos últimos 20 anos en Narón. Para min non hai dúbida, os resultados non son positivos. Un dos éxitos atribuídos a Xoán Gato e o crecemento de Narón, pois ben, eu penso que este feito debese máis a deméritos dos sucesivos Alcaldes de Ferrol que a méritos propios e ademais resulta evidente a falla de previsión e o cutre acomodo urbanístico que Narón deu a ese crecemento. Núcleos rurais ou semiurbanos onde se chantaron enriba polígonos intensivos de vivendas mantendo os servizos e accesos existentes, ou bloques de vivendas rodeando unha siderurxia, ou chalés residenciais a 200m dunha cementeira, ou outra cementeira a 100m dun colexio, son todos eles exemplos dun urbanismo que pensa máis na recadación que nos cidadáns e ás veces esa recadación está incluso baixo sospeita. Ó meu entender o prezo do progreso e o crecemento non pode ser tan elevado.
A Cámara de Comercio de Ferrol está ben xestionada, terá seguramente as súas eivas que deberan resolver con diálogo, pero é precisamente disto do que saben e no que teñen experiencia. Baixo o mandato de Paco Cruz a institución cameral liderou discretamente o proceso de unificación da patronal en Ferrolterra, do que só quedaron fora por vontade propia precisamente os que agora rodean a Gato aínda que antes o aborreceran. Tamén se constituíu a Asociación Impulsora do Plan Ferrol, institución que está a ser copiada en Lugo en Ourense e na Costa da Morte polos bos resultados que acadou en materia que creación de tecido empresarial, riqueza e emprego, e ademais a Cámara de Ferrol lidera as Cámaras de Galicia, cónstame que por ser a máis dinámica e eficiente.
O que faría Xoán Gato coa Cámara á vista está, non hai máis que ver a súa campaña política e personalista, eses son os bimbes para facer o cesto, para converter a institución nun partido ó servizo dunha persoa quizais có obxectivo de abrirlle o camiño de volta á política.
Eu confío na clase empresarial de Ferrolterra, neses empresarios dos que se dicía ó inicio do Plan Ferrol que non existían, que non tiñan ideas nin alento para novos proxectos industriais, e que demostran ano tras ano que si hai ferramentas públicas axeitadas, as ideas, os proxectos e o compromiso empresarial non faltan. Por iso sei que saben que coas cousas de comer non se xoga e que os experimentos na casa e con gaseosa, pero coa Cámara de Comercio setidiño.
Controversias, “discusión de opiniones contrapuestas entre dos o más personas”
Así reza o significado da palabra controversia no Diccionario da Real Academia Española de la Lengua, e a el acudo porque o Sr Varela Rivas escribe o seu artigo en castelán. En fin, comentando o seu escrito comezo polo título, que ó meu entender debería dicir “Controversias con Xavier Carro” porque eu só, mal podo controverterme a min mesmo, quizais o autor empregase esa verba querendo dicir outra cousa, pero iso xa daría para unha análise máis longo e menos edificante.
Di Don Jesús que escribiu “por esa necesidad personal que sentí de dar mi opinión”. É unha razón de peso que xustifica perfectamente o seu artigo, pero esa razón, ¿non serve tamén para xustificar o meu? Coido que si, porque o Sr Rivas e máis eu, e máis os lectores deste periódico e calquera cidadán temos os mesmos dereitos, entre eles o dereito de libre opinión. Moléstalle ó meu controvertente que tome partido debido á miña condición de Deputado. Non saio do meu asombro, eu precisamente son Deputado porque levo toda a miña vida tomando partido, tan lexitimamente na miña condición de cargo público como na de gaiteiro, de cedeirés ou de fan do Zeca Afonso, faltaría máis!. Non son imparcial, claro que non, nin imparcial nin indiferente ó que pasa ó meu redor, teño unha posición política e persoal propia que estou encantado en debater cando hai ocasión, sempre disposto a convencer e a aprender, pero non a calar.
Faise Don Jesús unha pregunta sobre cal sería a miña colaboración institucional si ganara, como así foi, a outra candidatura. Isto é confundir o touciño coa velocidade, acaso o feito de que cambiase a Xunta de Galicia, e como consecuencia a Dirección do Plan Ferrol modificou a miña posición nesta materia? E ben sabido que non, que seguimos colaborando institucionalmente e persoalmente para sacar adiante os contidos do Plan Ferrol sen manifestar controversia algunha, porque iso é o que interesa ós cidadáns e ós obxectivos de reactivación económica e de emprego que compartimos tódolos membros da Asociación Impulsora do Plan Ferrol. Por certo asociación que defendo non só, que tamén, polas persoas que a integran, senón polo que supuxo de cambio cultural en Ferrolterra, pola súa contribución á recuperación da confianza, da autoestima colectiva, á xeración dun cambio de actitude, pasando de posicións pesimistas e resentidas a ser elementos activos dunha construción en positivo dun novo tecido económico, dun novo xeito de recoñecernos como sociedade dinámica e capaz, dun novo compromiso con Ferrolterra, un compromiso que definía o anterior Conselleiro de Economía Fernandez Antonio como un prato de ovos con touciño, no que a galiña participa pero o porco se compromete.
Remato con outra cita da Real Academia, “Fuerza o violencia que se hace a alguien para obligarlo a que diga o ejecute algo”, este é o significado da palabra coacción coa que Don Jesús cualifica o meu artigo. Á vista está que está mal empregada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario