Crónica dunha morte anunciada
Como no libro de García Márquez asistimos a un proceso previsible de destrución e descrédito da nosa lingua. ¿Que pobo consciente de si mesmo organizaría un esperpento como o desta enquisa de Feijoo para poñer en cuestión a súa mesma razón de ser e existir? ¿Que clase de dirixentes poñerían en risco a identidade do país, para conseguir unha presa de votos apelando as vísceras dunha minoría social que rexeita a cultura do pobo que os acolle?. Poñen en cuestión para que serve o Galego, e algún despistado esfórzase en explicarlles a importancia da lusofonía, e outros, coma Anxo Lourenzo, compárano có Ingles. A razón non é esa, o ensino do Galego non é comparable ó das matemáticas ou ó da física, non se trata dunha “ferramenta de coñecemento”, senón que serve para saber quen somos e porque somos, serve para ler a Rosalía e a Celso Emilio e sentilos tal como eles escribiron, serve para entendelos e compartilos, para non ser un pobo sen identidade, sen personalidade colectiva.
Sorprende que a Xunta admita un resultado adverso na enquisa sobre o Galego no ensino, pero sorprende máis que fagan unha lectura favorable ás teses de reforma que xa tiñan anunciado en campaña. Empezando polo principio hai que dicir que non corresponde en exclusiva ós pais dos nenos escolarizados decidir sobre o futuro da nosa lingua na escola. É unha cuestión que afecta a toda a sociedade, porque se trata do futuro do noso patrimonio cultural, e que a Xunta non o considere así é un síntoma de ananismo cultural preocupante. En segundo lugar o procedemento foi feito adrede para condicionar un determinado resultado, que nin así conseguiron. Refírome a que no texto da enquisa non tíñamos opción de poñer que todo o ensino fose en Galego, senón que só se preguntaba sobre as materias troncais, e as preguntas sobre a lingua dos libros de texto ou das probas refírense a estas materias troncais, pero non hai na enquisa opción a reclamar todo o ensino en Galego, pero si en Castelán. Deste xeito os resultados que se presentan son enganosos e reflicten erros de categorización das respostas. Ademais o procedemento, sen participación dos sindicatos do ensino, nin de observadores imparciais converte ó proceso en tan sospeitoso como as eleccións en Irán.
Penso que Feijoo votou mal as contas sobre este asunto. Pensaba que nomeando a un “home de consenso” conseguiría abrir unha fenda entre o PSdeG e o Bloque. Unha fenda que dificultara no futuro o entendemento entre os dous partidos. Pero con cousas tan importantes, tan serias como a lingua non se pode andar xogando, e tanto para os nacionalistas como para os socialistas a defensa da identidade e da lingua galega forman parte da súas raíces, que deron lugar xa no seu día ó Estatuto do 36.
O PP faría ben en saír canto antes deste loro e non colocarse fora do campo de xogo, que lembren que un dos valores electorais de Fraga rezaba “galego coma ti”.
Para min o dato máis esperanzador da enquisa é que apoian o ensino en Galego máis xente da que o fala a cotío, non está mal.
1 comentario:
Barreiro copiouche hoxe o argumento no seu artigo da Voz
Publicar un comentario