3 de febrero de 2013

Intervención na Mesa Redonda do Club de Campo


Esta foi a intervención miña na Mesa Redonda que organizou o Club de Campo de Ferrol o pasado día 1 de febreiro. Como se pode ver nas fotos de prensa, aínda que non nalgúns textos publicados, eu non asistín, e a miña intervención foi lida por Nona Ines Vilariño.

Antes de nada quero agradecer ó Club de Campo, e na súa representación a José Rioseco, a invitación a participar neste acto, ó que non poido asistir por prescrición facultativa. Tamén a Nona Ines pola súa axuda e cariño.
De tódolos xeitos, a amabilidade dos organizadores fai posible a lectura deste documento que resume a intervención que tiña previsto facer persoalmente.

Lembro as palabras de Zapatero na primeira reunión con tódolos Diputados socialistas, “quiero que seais los ojos y la voz de la gente”. Esa foi unha das razóns que me levou en ocasións a ser unha das voces discordantes dentro do Grupo Parlamentario.
Confeso que empecei abrumado pola responsabilidade, pero comprendín que só dependería do meu traballo cando me dixo Alfonso Guerra, “no te preocupes, eres el mejor Diputado de Ferrol del Grupo de Gobierno”.
Os medios de comunicación avalían ós Diputados polo número de iniciativas, pero é un baremo falso, primeiro porque depende de si estas no Grupo de Goberno ou na oposición. Dende a oposición acribíllase a preguntas e a peticións de comparecencia ós Ministros, pero dende o Grupo de Goberno tes a capacidade directa de influír nas decisións dos Ministerios.
No meu caso o mellor exemplo e a posta en marcha do Plan Ferrol, feito ó que contribuín coa axuda clave de Touriño, Pepe Blanco e Montilla.
Outra tarefa que me ocupou moito tempo foi a de servir de enlace entre distintos axentes en Ferrolterra cós Ministerios e organismos estatais, atendendo a, empresarios, sindicatos e concellos e incluso persoas particulares.
A primeira lexislatura foi un período moi ilusionante coa aprobación de leis pioneiras a nivel internacional. Especialmente emotiva foi a aprobación da Lei contra a Violencia de Xénero e a Lei de Matrimonio de Persoas do mesmo Sexo.
Ambas foron promulgadas nun clima de crispación provocado por unha oposición durísima do Partido Popular.

Na segunda lexislatura, unha crise financeira internacional, provocada polas políticas neoliberais en EEUU durante os mandatos de Bush ten unhas consecuencias terribles, que aínda perduran en España e no resto do mundo.
Moito se ten falado da incapacidade de Zapatero para asumir a crise e facerlle fronte, pero agora, aqueles que ían recuperar a confianza con só a súa presenza, están infrinxindo ós cidadáns uns recortes claramente ideolóxicos, e están aproveitando a crise para acometer as reformas neoliberais que sempre quixeron implantar en España, e que son as mesmas que están na raíz da crise que nos azouta.

Un sistema de representación político democrático ten por obxecto, non só a xestión dos asuntos e os recursos públicos, senón tamén a resolución dos problemas  sociais e económicos que se presenten.
Precisamente, o feito de que ante unha crise tan grave, os Gobernos nos sexan capaces de aportar solucións, é o que provoca un descrédito total dos partidos políticos e demais institucións democráticas.
Os cidadáns perciben con claridade que o poder real non está nas representacións parlamentarias que votaron, senón nuns chamados “mercados” que nunca responden ante ninguén.
Para maior escarnio, estamos vendo casos de corrupción escandalosos nos que ata o propio Presidente do Goberno recibiu en diñeiro negro que non declarou ó fisco, centos de miles de euros.
A pregunta que os cidadáns se fan e ben sinxela: ¿si non nos serven para resolver os problemas, para que os queremos, gastando ademais recursos públicos?
Segundo a miña opinión unha pregunta tan clara só ten unha resposta: a política, a representación dos cidadáns ten que recuperar o control sobre os recursos e redistribuílos de xeito que poidamos saír desta crise todos xuntos. Non precisamos unha solución macroeconómica ou contable, necesitamos un novo modelo económico e social construído có obxectivo do benestar colectivo.
¿E isto como se fai? Sei que non hai tempo para expoñer todo un novo modelo económico e tampouco me vexo eu abordando tan titánico reto, polo que só enunciarei algunha das medidas ó meu entender necesarias:
1.   Recuperar o control público do sector enerxético mediante a nacionalización da parte das compañías correspondente có déficit tarifario.
2.   Converter o chamado Banco Malo nun banco hipotecario público dende o que ademais, se xestionen en aluguer social os bens provintes dos bancos saneados.
3.   Constituir có conxunto dos bancos intervidos unha banca pública dedicada especialmente ó desenvolvemento de proxectos industriais e as PYMES.

Con estas medidas poderíamos reordenar os recursos enerxéticos e financeiros, pero falta a recuperación do emprego.
A un ritmo de crecemento do 5% anual (impensable en moitos anos) tardaríamos 20 anos en resolver o problema do desemprego, polo que as solucións non poden vir só do lado do crecemento económico, senón que necesitamos reorganizar os recursos dispoñibles.
Explícome,
do factor traballo, e dos presupostos vía impostos, saen os seguintes recursos:
˃     Salarios.
˃     Cotizacións sociais.
˃     Prestacións por desemprego.
˃     Pensións e prestacións contributivas e non contributivas.
˃     Fondos da Formación Profesional.
˃     FOGASA
Con todo isto mantemos un mercado laboral cun 25% de persoas en paro e seguimos camiñando na dirección contraria á lóxica, máis tempo de traballo a menor salario e alongar a idade de xubilación, cando o que precisamos é repartir o emprego e os recursos dispoñibles.
En definitiva o que propoño parte da convicción de que o traballo non é só un medio para acadar recursos para vivir, senón que ten tamén unha función social, de integración das persoas na sociedade.
Por iso, é preferible ter a unha persoa traballando en xornada reducida, cobrando unha parte de salario e outra de prestación que tela na casa apartada do mundo do traballo, e por ende da sociedade.
Sei que esta reflexión sería motivo para un panel monográfico, pero para aforrar ós ouvintes uns cálculos complexos, direi que a resultante de distribuír o emprego dispoñible entre o conxunto dos traballadores, suporía unha redución de xornada do 25% e unha redución salarial do 15%, pero tendo así ocupada a toda a poboación.
Habería moitos detalles que explicar, por exemplo, non teríamos porque modificar os horarios laborais senón que poderíamos reducir xornada con menos días de traballo etc etc.
En definitiva o conxunto dos traballadores veríamos reducido o noso salario e xornada pero a cambio remataríamos có problema do paro.
Quizais pareza unha proposta revolucionaria ou incluso absurda, pero non o é. Moi ó contrario, isto é o que fan países como Alemaña ou Holanda con niveis de paro moi baixo,  porcentaxes de traballo a tempo parcial moi alto e un sistema de prestacións complementario do traballo máis precario.

No tinteiro quedan moitas cousas das que falar, e sobre todo as ganas de debater có público e cós outros contertulios da mesa pero nesta ocasión, e contra a miña vontade non poido estar con vos.
Recibide todos un cordial saúdo e o meu agradecemento por escoitar esta intervención.


2 comentarios:

Anónimo dijo...


Si home si,estas ti para dar leccións, o que esta recollendo Ferrol é o froito da estopenda xestión de Zapatero.Navantia se un triste encargo e as empresas pechando.

Xavier Carro Garrote dijo...

Si home si, ben che sei que cando gobernan os socialistas teñen a responsabilidade e a culpa de todo, e cando gobernan os do PP as culpas tamén son dos socialistas, ben sexa polo que se fixo mal ou polo que non se fixo, e o PP sempre no seo da manta!

Non che parece máis razoable atribuir a cada un as politicas e os resultados que se producen durante o seu mandato?

De feito, o PP podería ter levantado o veto de ASTANO, pero segue ahí, a pesares do que berraron cando eran oposición. Tamén podian ter feito o Dique Flotante, pero están buscando a quen votarlle a culpa para non facelo.

Non lles vou a reprobar que non consigan contratos, porque non só depende deles, senón tamén do que compra, pero foi o PP o que nos levou á situación do 2004 e as famosas multas da UE e nos ó entrar non choramos, resolvémolo, seguramente non ó gusto de todos, pero conseguimos o contrato con Australia que deu traballo en Ferrolterra a 4.000 persoas durante oito anos.

Só lle desexo ó PP que repitan resultados.