28 de febrero de 2012

De Clase Media a Clase Precaria

O sistema de Negociación Colectiva e Concertación Social que ven funcionando dende os Pactos da Moncloa foi determinante no nacemento e consolidación dunha clase media en España. O establecemento de incrementos salariais relacionados có IPC, a eficacia xeral dos Convenios colectivos que son, eran, de obrigado cumprimento para tódalas empresas e traballadores dun sector e territorio determinado axudaron, non solo á mellora das condicións salariais e laborais dos traballadores, senón tamén á estabilidade empresarial eliminando a competencia desleal.

Grazas a isto, puidemos configurar un sistema fiscal que se sustenta basicamente nas aportacións das rendas laborais, e fumos quen de financiar un Estado do Benestar, non completamente desenvolvido, pero sostible, que antes da crise financieira internacional estaba en superavit.


Non será a crise, que en todo caso ten unha raíz financieira e non laboral nin fiscal, senón a reforma da Negociación Colectiva, a eliminación da ultraactividade dos Convenios e o desequilibrio en favor dos empresarios, que poderán rebaixar salarios e dereitos, o que convertera a clase media en clase precaria, poñendo en risco a sostibilidade da protección e os dereitos sociais no futuro.


Estamos ante a frofecía autocumplida, dinnos que os Servizos Públicos son insostibles, recortan os salarios ós traballadores e o financiamento ós empresarios, provocando unha recesión que á súa vez repercute nunha rebaixa da recadación fiscal que se evidencia insuficiente para o financiamento dos Servizos Públicos.


No fondo o obxectivo verdadeiro é o de desmontar o sector público e converter os dereitos en negocios, a educación, a sanidade, a seguridade, as prestacións por desemprego, as pensións, e incluso o acceso ó emprego ( as ETTs xa son Axencias de colocación).


Canto antes urxe recuperar a conciencia de clase e loitar xuntos, non partidariamente contra Rajoy, senón contra os poderes fácticos que sustentan o pensamento neoliberal, do que o Goberno de Rajoy é o xenuíno representante en España.

2 comentarios:

Chupito de Magnaflux dijo...

Todo fume este artigo de hoxe, como xa e usual en ti.

Pra demostralo basta ver que no seu momento votachedes en contra da Dacion en Pago ou que vos abstivechedes nesta ultima votacion, aliñandovos tacitamente co PP e a Banca. Hai que ser tremendamente obtuso pra non ver que o PSOE e parte integrante da maquinaria neoliberal: tamen privatizades o publico e recortachedes dereitos dereitos laborais.

- Si, pero recortamos menos que el PP!!!

Vaia consolo. No cola, Carriño. Nin socialistas, nin obreiros: Estades o lado dos banqueiros. Nin a labazada que vades levar en Andalucia vos vai sacar a caraja.

PD: o 29 Folga Xeral!!

Xavier Carro Garrote dijo...

Meu amigo Magnaflux, non te esquezas de que o fume sae da combustión de materia tanxible e que ademais, pode ser tan poderoso que ata pode matar.

Falo na miña entrada das graves consecuencias que terá a reforma laboral do PP sobre todo en relación á desaparición da negociación colectiva, tal como viña funcionando ata o de agora, incluso despois de moitas reformas, tamén de gobernos do PSOE; porque os socialistas sempre defendemos a necesidade dun sistema colectivo de fixación das condicións laborais, por razóns de xustiza, de equidade e de sostemento fiscal do sistema.

Nada ten nada que ver este tema coa Dación en Pago que ti mentas, e sobre a que se poden dicir moitas cousas a favor i en contra. A min dende logo non me parece a panacea, pero si unha opción que debe estar dispoñible para os usuarios hipotecarios no momento da sinatura do contrato, aínda que isto suporá un encarecemento do creto.
Ti ves ó PSOE como "parte integrante da maquinaria neoliberal". Bueno non vou discutir as túas percepcións, pero falando en román paladino dígoche que nos vindeiros meses "vaste enterar do que é neoliberalismo e política económica de dereitas".
Algún exemplo xa temos; durante os últimos 3 anos de Zapatero vivimos unha crise económica e recortes presupostarios, e tamén tivemos na calle o movemento 15M. Pero mentres que nosoutros xestionamos unha redución do déficit dende o 11,1 ó 8,5 mantendo os sistemas de protección social e os servizos públicos, o PP para unha redución similar, do 8,5 ó 5,8 está esnaquizando a sanidade, a educación e os dereitos laborais, e despois das eleccións andaluzas as prestacións por desemprego.
En relación ós movementos de protesta, o 15M estivo meses nas prazas sen intervencións policiais, compara isto có que pasou en Valencia.
Finalmente, meu amigo eu non che vou a discutir a percepción que tes do PSOE, pero eu sei quen son e as miñas etiquetas elíxoas eu, igual que ti as túas.
E eu sempre serei socialista e obreiro, e estarei contigo na Folga Xeral do 29