30 de junio de 2013

Ampliación sobre o meu artigo que publica hoxe a Voz de Galicia sobre o Tax Lease


Tax Lease: axuda ilegal ou política fiscal?

Tras a denuncia presentada por Holanda contra o noso sistema de Tax Lease na que se nos acusa de establecer axudas ilegais ó Sector Naval, estamos enredados nun contencioso coa Unión Europea sobre si estamos a falar dunha axuda ilegal ou dunha política fiscal. Anticipo que na miña opinión trátase dunha política fiscal que non só se emprega en España có Sector Naval, senón en toda Europa con todo o sector industrial, e aí está precisamente a diferencia que nos enreda.
Como funciona?
O tax Lease é unha operación financeira a catro bandas na que participan: un armador que compra un barco, un estaleiro que constrúe e vende o barco, un inversor en forma xurídica de AIE (Agrupación de Intres Económico), unha especie de unión temporal de empresas (UTE) de carácter fiscal, e finalmente un banco que presta os servizos de Leasing.
O asunto transcorre así: o estaleiro vende o buque ó banco, que á súa vez formaliza un contrato de leasing a un prazo moi curto, normalmente 3 anos, có inversor organizado nunha Agrupación de Intrés Económico (AIE), en moitos casos como ten publicado a prensa, teñen participado empresas como Inditex ou El Corte Inglés. Estas empresas asociadas na AIE alúganlle o barco ó armador, a quen llo acabaran transmitindo ó finalizar a operación. Os reducidos prazos da operación xeran na AIE unhas fortes bases impoñibles negativas que lle reportan unhas desgravacións fiscais que permiten rebaixar o prezo do buque case nun 30% ó armador e reducir a factura fiscal das compañías inversoras nunha porcentaxe similar.
Que consecuencias ten?
As consecuencias destas transaccións son boas para tódolos participantes, o asteleiro vende o barco a prezo de mercado, o armador aforra un 30% do custo do buque, as empresas inversoras reducen substancialmente a súa factura fiscal e o banco cobra unha comisión polos servizos prestados. Pero nesta rolda falta por preguntarse, quen paga a factura? A resposta non ten dúbida, é a Facenda Pública a que financia cós impostos de todos o conxunto da operación en modo de devolucións fiscais ós inversores.
Unha vez postas cara arriba as cartas desta xogada, se aplicáramos a lóxica deste tempo de crise no que todo se reflexiona coas vísceras, o primeiro que afirmaríamos é que se trata dun engano para que os máis ricos non paguen impostos, xa que aínda que non son os únicos beneficiados son os que sen ter relación algunha có sector naval reciben directamente as desgravacións fiscais.
Pero compre unha mirada máis reflexiva e sistémica, xa que nestas cuestións tan complexas non debemos caer no mesmo erro que, ó meu entender comete a Unión Europea, que é o de abordar só un aspecto do problema en intrés neste caso do país denunciante de España ou dos nosos competidores en xeral.
A aplicación deste sistema financeiro permite que compañías con altos beneficios invistan grandes sumas directamente no tecido produtivo, activando un sector que sen esa participación non existiría. Pode haber quen diga que se podería facer o mesmo si primeiro cobramos os impostos a estas grandes compañías e despois os investimos no Naval, pero non podería ser, porque as axudas públicas están prohibidas. Tamén se pode dicir que si os estaleiros non son competitivos que pechen, pero o certo é que as condicións para esa competencia estas suxeitas a normativas internacionais cambiantes, unhas europeas e outras de comercio internacional, que provocan desaxustes tan potentes no mercado como para poñer en perdas ou ganancias a un estaleiro nun momento determinado. Ademais o Sector Naval xera I+D+I e coñecemento que logo se aplica a outros moitos ámbitos da actividade produtiva. En resumo trátase dun sector estratéxico ó que non podemos nin debemos renunciar.
Por outra banda resulta máis que discutíbel que a Facenda Pública perda con estas operacións. En primeiro lugar, poderíamos falar en termos estritamente recadatorios,   xa que aínda que cada operación financiada por este sistema supón un cargo para Facenda en forma de devolucións ou desgravacións fiscais cuantiosas, tamén debemos ter en conta toda a actividade económica e o emprego correspondente que se xera con cada operación e do que se derivan retornos fiscais en Imposto de Sociedades, IVA, IRPF e cotizacións sociais que compensan economicamente as achegas iniciais. E non menos importante e o balance social, o que supoñen 85.00 empregos nun momento como o actual no que a taxa de paro está a bater records.
Por tanto, antes de afirmar que se trata dunha “perda”, debemos establecer fronte a que, e neste caso só hai unha alternativa posible á existencia dun mecanismo como o Tax Lease, que é sinxelamente a desaparición  da actividade do sector naval coas consecuencias económicas e sociais que isto tería.

Que é o que habería que devolver e quen o devolve?
En primeiro lugar debemos lembrar que este sistema de financiamento non é un invento froito da enxeñería financeira, senón un sistema impulsado conscientemente por distintos gobernos para facilitar a supervivencia do sector naval despois das reconversións dos anos 80, recollido na lexislación tributaria e revisado polo tanto polas autoridades europeas ó longo dos anos. Ninguén pode agora dicir que non sabía nada, o propio Almunia foi Ministro de Economía e coñecía este mecanismos financeiro de primeira man.
Son as desgravacións recibidas polos inversores en cada unha das operacións realizadas dende o ano 2.005 as que agora Almunia di que hai que devolver, en total preto de 3.000 Millóns de euros.
Non está nada claro quen debería facer tal cousa, xa que o armador pagou o buque máis barato pero non recibiu ningunha cantidade para financiar a diferencia; o estaleiro en ningún caso, xa que vendeu a prezo de mercado; o banco por suposto que non xa que só fixo de intermediario; e o inversor recibiu unha desgravación fiscal en aplicación estrita da lei.
Só queda polo tanto que o Estado asuma a sanción, e parece o máis lóxico dado que dita sanción emanaría dunha “suposta axuda pública ilegal ó sector naval” concedida por un Estado en aplicación da súa lexislación a un estaleiro a través de intermediarios. Neste caso o erario público pagaría dúas veces, unha mediante as desgravacións que xa fixo e outra aboando as sancións.
Si tal cousa fixéramos, si o Estado español devolvese as axudas, eses cartos nin sequera irían a financiar débeda, ou  a compensar os esforzos que a Unión Europea impón á nosa economía, non servirían tampouco para pagar os xuros da débeda pública, nin poderíamos contemplar como son fagocitados nunha tarde por unha súbita subida da prima de risco. Simplemente arruinaríamos o sector naval e de paso algunha das empresas que fixeron de inversores cunhas repercusións en perda de emprego que algúns cifran en máis de 85.000 postos de traballo. Case nada, sería colocar a Vigo cunha taxa de paro superior ó 50% e a Galicia por enriba do 30%.
Si devolvésemos as axudas presuntamente ilegais engordaríamos o déficit público, atrás viría a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional esixindo a España máis control do Déficit, ou sexa, máis recortes, que terían, como xa está demostrado en Grecia e Portugal e o propio FMI asume, consecuencias negativas no crecemento, na recadación fiscal e novamente no control do déficit, para seguir non sei ata cando liados nesta rolda da desfortuna da que xa non sei si queren que saiamos nunca.
Porqué debemos devolver dende o 2.005?
Isto si que é de traca, “porque coincide coa apertura dunha investigación formal a Francia polo seu Tax Lease”, Toma! Como a Xan lle doe a cabeza ímoslle dar unha aspirina a Perican!. E despois falan de enxeñería financeira, isto si que é enxeñaría argumental. Non sería máis lóxico que a nosa sanción coincidira coa apertura formal da investigación aberta a España deribada da denuncia de Holanda, ou sexa 2.011?.
Por certo, a Francia abríronlle unha investigación que deu lugar a cambios no seu sistema de Tax Lease, pero despois diso, seguiu aplicando IVA reducido á construción naval ata o 2.010.
Que argumentos emprega Europa?
A base argumental da denuncia contra o Tax Lease español é que ó tratarse dun mecanismo financeiro restrinxido unicamente ó Sector Naval non se pode catalogar como política fiscal, senón como unha política sectorial que ten como único obxectivo o transvase de recursos públicos ós estaleiros privados, feito estritamente prohibido pola lexislación europea. Por iso a Unión Europea esixiu a España modificar o seu sistema para estendelo a tódolos sectores industriais provocando o cambio normativo que actualmente está en vigor e mediante o cal se pode financiar calquera investimento industrial que teña lugar en varios exercicios.
O argumento pode parecer razoable a primeira vista, pero si estendemos a mirada a outras realidades existentes na Unión, e incluso en España comprobaremos que están collendo o rábano polas follas. Por exemplo, cando Irlanda decide manter o imposto de sociedades no 12% fronte ó 30% de media no resto da Unión, isto que é, Política fiscal ou competencia desleal? Ou por exemplo cando un país decide poñer un IVA reducido ós bens e servizos dun sector determinado, como Francia e Italia tiñan ata o ano 2010 ó mesmísimo Sector Naval, ou en España ó Sector Turístico, que é política fiscal ou competencia desleal?
En definitiva para que a Unión Europea poida falar de transgresións da libre competencia primeiro debe unificar a fiscalidade, porque senón estamos comparando partes incompletas e inconexas dos sistemas fiscais de cada país que responden en cada caso a unha serie de equilibrios internos que non se poden xulgar un a un senón no dentro do conxunto de política fiscal de cada país.
Polo tanto Rajoy nos Consellos Europeos debería relacionar este asunto con tódalas condicións que a UE impón a España en materia económica e esixir avances na harmonización fiscal comunitaria.
Como funciona noutros países europeos?
Aínda que cada país ten o seu mecanismo propio, a maioría son sistemas similares ó Tax Lease español, pero o certo é que son de carácter xeral, aplicables a todo o sector industrial como o que finalmente a UE nos impuxo recentemente.
Porqué existen mecanismos de apoio á industria?
Este si que é un debate pertinente no noso país. Debemos aceptar que non fixemos as cousas tan ben como dicimos, que mentres outros se esforzan por manter e potenciar as súas industrias, nosoutros menosprezamos o Sector Industrial como si non fose importante para a nosa economía.
 A existencia de mecanismos financieiro-fiscais en apoio do Sector Industrial ten a súa raíz na aposta estratéxica que cada país fai do seu tecido económico. E nisto si que nos diferenciamos, para mal coa Europa do norte. En España, dende as reconversións dos anos 80 que Alemaña, Francia, Inglaterra ou Holanda nos impuxeron para entrar na UE, tódolos gobernos, por distintas razóns, por acción ou por omisión, evitaron colocar ó sector industrial como un sector estratéxico.
Durante os gobernos de Felipe Gonzalez abrazamos aquela máxima absurda de Solchaga que dicía que “la mejor política industrial es la que no existe”. Transitamos aqueles anos depositando na terciarización da nosa economía as esperanzas de crecemento económico que viñeron finalmente do sector turístico e da modernización vexetativa do tecido económico. Chegamos incluso a non ter Ministerio de Industria e a pretender converter as nosas cidades industriais en cidades de servizos. Mentres a Unión Europea cofinanciaba polígonos industriais nos gastabamos os cartos en facer estadios de fútbol e paseos.
Nos gobernos de Aznar a política industrial foi a liquidación do sector público para facer caixa e poder cumprir os criterios para entrar no euro, facendo de paso ricos a algúns compañeiros de pupitre. Máis aló diso o sector industrial nunca foi unha prioridade xa que para o novo período de crecemento o sector elixido era o inmobiliario e a aposta, a especulación urbanística.
Con Zapatero no goberno o sector industrial bateu records de crecemento e investimento, polo que non se estimou preciso reforzar un sector que xa estaba marchando ben. Aínda así puxéronse en marcha políticas de apoio ó investimento como as axudas de Reindustrialización do Ministerio de Industria que supuxeron para Galicia o período de maior investimento industrial da súa historia debido ó Plan Ferrol e ós Plans específicos do automóbil en Vigo. Tamén a aposta polas enerxías renovables tivo un grande impacto positivo no sector industrial. O erro foi non decatarse de que a maior parte dese crecemento do sector industrial estaba vencellado precisamente á construción e en menor medida ás enerxías renovables. A crise encargouse de esnaquizar a construción e Feijoo e Rajoy coa anulación do concurso eólico en Galicia e logo a eliminación das primas ás renovables, encargáronse do resto.
En conclusión, mentres os países máis industrializados de Europa miman ás súas industrias e organizan os recursos e infraestruturas en beneficio do desenvolvemento industrial, ata chegar a  condicionar a política europea,  nos levamos décadas sen unha política industrial estratéxica clara, sen resolver eivas como a carestía da produción eléctrica ou o dimensionamento da rede de distribución ou o financiamento dos investimentos industriais. Seguimos sendo un país dependente enerxéticamente e que non é capaz de xerar riqueza partindo dos propios recursos e capacidades.
En Galicia, por exemplo o goberno de Feijoo segue poñendo velas a San PEMEX ou ó proxecto de facer coches eléctricos en Melón, ou á fábrica de baterías de Mitsubishi que malogrou un terremoto,  todas elas iniciativas cunha gran carga mediática pero cunha nula visión de país. Non son mais que malabarismos dun funambulista.
Entre tanto sectores como as enerxías renobabeis, o forestal, a pesca o a produción agropecuaria seguen sen arrancar ou carrexando problemas sen resolver que os veñen lastrando en sucesivos procesos agónicos dos que nunca saímos.
Debe seguir existindo o Tax Lease? En que condicións?
O Tax Lease é un sistema de financiamento que permite cumprir varios obxectivos ó meu entender positivos: que grandes compañías con altos beneficios invistan directamente no sector produtivo, que se manteñan sectores industriais craves para o país, que se manteñan gran número de empregos en sectores altamente tecnolóxicos ou que se produzan retornos impositivos derivados dunha gran actividade económica. Polo tanto debería manterse, e ó meu entender estenderse a todo o sector industrial para facilitar, como fan os demais países europeos a industrialización permanente das súas economías a pesares da competencia de países como China.
Que postura deberíamos defender na Unión Europea?
A posición de España ante a Unión Europea neste asunto non é nova, senón que foi defendida en termos moi similares ó longo dos anos por diversos gobernos de diferentes colores políticos. Isto sen dúbida debe facilitar un acordo entre tódalas forzas políticas en defensa do Naval.
Trátase de defender que o Tax Lease é unha política fiscal que pretende facilitar investimentos privados directos no sector industrial, tal como fan outros países da Unión. Tamén debemos rexeitar a data do 2.005 como data de inicio das supostas devolucións por arbitraria e argumentar que provocar unha devolución imputable a calquera das partes traería como consecuencia unha inestabilidade xurídica que impediría novas operacións no futuro aínda no caso de manterse o sistema e vigor.
Finalmente non debemos tratar este asunto ó marxe do resto de condicións que a Unión Europea nos impón en materia de política económica. Non podemos estar falando de poñer en marcha políticas de estímulo da actividade económica e do emprego xuvenil por unha banda e pola outra aceptar a desaparición de todo un sector económico como o naval. En que cabeza cabe que gastemos inxentes sumas de diñeiro dos contribuíntes en rescatar ós bancos mentres deixamos afundir os nosos sectores produtivo. Que modelo de economía estamos construíndo? Cando os bancos estean saneados a quen lle van prestar cartos si estará o tecido produtivo na ruína?
Europa ten que comprender que o noso Sector Naval non pode asumir máis sacrificios, e ten que escoitar a voz unánime dos galegos e demais Comunidades Autónomas afectadas nunha reivindicación xusta. Paralelamente a nos, ós nosos gobernantes correspóndenos deseñar unha política industrial que transcenda a duración dunha lexislatura có obxecto de deseñar un modelo de desenvolvemento sostible tanto medioambiental como económica e socialmente.


3 de febrero de 2013

Intervención na Mesa Redonda do Club de Campo


Esta foi a intervención miña na Mesa Redonda que organizou o Club de Campo de Ferrol o pasado día 1 de febreiro. Como se pode ver nas fotos de prensa, aínda que non nalgúns textos publicados, eu non asistín, e a miña intervención foi lida por Nona Ines Vilariño.

Antes de nada quero agradecer ó Club de Campo, e na súa representación a José Rioseco, a invitación a participar neste acto, ó que non poido asistir por prescrición facultativa. Tamén a Nona Ines pola súa axuda e cariño.
De tódolos xeitos, a amabilidade dos organizadores fai posible a lectura deste documento que resume a intervención que tiña previsto facer persoalmente.

Lembro as palabras de Zapatero na primeira reunión con tódolos Diputados socialistas, “quiero que seais los ojos y la voz de la gente”. Esa foi unha das razóns que me levou en ocasións a ser unha das voces discordantes dentro do Grupo Parlamentario.
Confeso que empecei abrumado pola responsabilidade, pero comprendín que só dependería do meu traballo cando me dixo Alfonso Guerra, “no te preocupes, eres el mejor Diputado de Ferrol del Grupo de Gobierno”.
Os medios de comunicación avalían ós Diputados polo número de iniciativas, pero é un baremo falso, primeiro porque depende de si estas no Grupo de Goberno ou na oposición. Dende a oposición acribíllase a preguntas e a peticións de comparecencia ós Ministros, pero dende o Grupo de Goberno tes a capacidade directa de influír nas decisións dos Ministerios.
No meu caso o mellor exemplo e a posta en marcha do Plan Ferrol, feito ó que contribuín coa axuda clave de Touriño, Pepe Blanco e Montilla.
Outra tarefa que me ocupou moito tempo foi a de servir de enlace entre distintos axentes en Ferrolterra cós Ministerios e organismos estatais, atendendo a, empresarios, sindicatos e concellos e incluso persoas particulares.
A primeira lexislatura foi un período moi ilusionante coa aprobación de leis pioneiras a nivel internacional. Especialmente emotiva foi a aprobación da Lei contra a Violencia de Xénero e a Lei de Matrimonio de Persoas do mesmo Sexo.
Ambas foron promulgadas nun clima de crispación provocado por unha oposición durísima do Partido Popular.

Na segunda lexislatura, unha crise financeira internacional, provocada polas políticas neoliberais en EEUU durante os mandatos de Bush ten unhas consecuencias terribles, que aínda perduran en España e no resto do mundo.
Moito se ten falado da incapacidade de Zapatero para asumir a crise e facerlle fronte, pero agora, aqueles que ían recuperar a confianza con só a súa presenza, están infrinxindo ós cidadáns uns recortes claramente ideolóxicos, e están aproveitando a crise para acometer as reformas neoliberais que sempre quixeron implantar en España, e que son as mesmas que están na raíz da crise que nos azouta.

Un sistema de representación político democrático ten por obxecto, non só a xestión dos asuntos e os recursos públicos, senón tamén a resolución dos problemas  sociais e económicos que se presenten.
Precisamente, o feito de que ante unha crise tan grave, os Gobernos nos sexan capaces de aportar solucións, é o que provoca un descrédito total dos partidos políticos e demais institucións democráticas.
Os cidadáns perciben con claridade que o poder real non está nas representacións parlamentarias que votaron, senón nuns chamados “mercados” que nunca responden ante ninguén.
Para maior escarnio, estamos vendo casos de corrupción escandalosos nos que ata o propio Presidente do Goberno recibiu en diñeiro negro que non declarou ó fisco, centos de miles de euros.
A pregunta que os cidadáns se fan e ben sinxela: ¿si non nos serven para resolver os problemas, para que os queremos, gastando ademais recursos públicos?
Segundo a miña opinión unha pregunta tan clara só ten unha resposta: a política, a representación dos cidadáns ten que recuperar o control sobre os recursos e redistribuílos de xeito que poidamos saír desta crise todos xuntos. Non precisamos unha solución macroeconómica ou contable, necesitamos un novo modelo económico e social construído có obxectivo do benestar colectivo.
¿E isto como se fai? Sei que non hai tempo para expoñer todo un novo modelo económico e tampouco me vexo eu abordando tan titánico reto, polo que só enunciarei algunha das medidas ó meu entender necesarias:
1.   Recuperar o control público do sector enerxético mediante a nacionalización da parte das compañías correspondente có déficit tarifario.
2.   Converter o chamado Banco Malo nun banco hipotecario público dende o que ademais, se xestionen en aluguer social os bens provintes dos bancos saneados.
3.   Constituir có conxunto dos bancos intervidos unha banca pública dedicada especialmente ó desenvolvemento de proxectos industriais e as PYMES.

Con estas medidas poderíamos reordenar os recursos enerxéticos e financeiros, pero falta a recuperación do emprego.
A un ritmo de crecemento do 5% anual (impensable en moitos anos) tardaríamos 20 anos en resolver o problema do desemprego, polo que as solucións non poden vir só do lado do crecemento económico, senón que necesitamos reorganizar os recursos dispoñibles.
Explícome,
do factor traballo, e dos presupostos vía impostos, saen os seguintes recursos:
˃     Salarios.
˃     Cotizacións sociais.
˃     Prestacións por desemprego.
˃     Pensións e prestacións contributivas e non contributivas.
˃     Fondos da Formación Profesional.
˃     FOGASA
Con todo isto mantemos un mercado laboral cun 25% de persoas en paro e seguimos camiñando na dirección contraria á lóxica, máis tempo de traballo a menor salario e alongar a idade de xubilación, cando o que precisamos é repartir o emprego e os recursos dispoñibles.
En definitiva o que propoño parte da convicción de que o traballo non é só un medio para acadar recursos para vivir, senón que ten tamén unha función social, de integración das persoas na sociedade.
Por iso, é preferible ter a unha persoa traballando en xornada reducida, cobrando unha parte de salario e outra de prestación que tela na casa apartada do mundo do traballo, e por ende da sociedade.
Sei que esta reflexión sería motivo para un panel monográfico, pero para aforrar ós ouvintes uns cálculos complexos, direi que a resultante de distribuír o emprego dispoñible entre o conxunto dos traballadores, suporía unha redución de xornada do 25% e unha redución salarial do 15%, pero tendo así ocupada a toda a poboación.
Habería moitos detalles que explicar, por exemplo, non teríamos porque modificar os horarios laborais senón que poderíamos reducir xornada con menos días de traballo etc etc.
En definitiva o conxunto dos traballadores veríamos reducido o noso salario e xornada pero a cambio remataríamos có problema do paro.
Quizais pareza unha proposta revolucionaria ou incluso absurda, pero non o é. Moi ó contrario, isto é o que fan países como Alemaña ou Holanda con niveis de paro moi baixo,  porcentaxes de traballo a tempo parcial moi alto e un sistema de prestacións complementario do traballo máis precario.

No tinteiro quedan moitas cousas das que falar, e sobre todo as ganas de debater có público e cós outros contertulios da mesa pero nesta ocasión, e contra a miña vontade non poido estar con vos.
Recibide todos un cordial saúdo e o meu agradecemento por escoitar esta intervención.


15 de marzo de 2012

EL MUNDO SE DERRUMBA Y NOSOTROS NOS ENAMORAMOS

Esta frase da película Casablanca deben de estala recitando os Alcaldes de Cesuras e Oza dos Ríos.

Vaian por diante os meus parabéns para esta unión, pero paréceme patético que mentres en Galicia HAI 250.000 parados, mentres este Goberno de Feijoó maniféstase incompetente e mudo ante a crise, e só desperta para aplicar recortes ós servizos básicos como a educación e a sanidade, mentres temos os mecanismos de apoio ó tecido empresarial paralizados cós responsables do IGAPE no cárcere, mentres a nosa lingua e a nosa cultura están a ser ninguneadas e desprezadas por que ten o deber moral e legal de defendelas, mentres non se aportan solucións, senón só boas palabras, os nosos problemas máis acuciantes: o sector naval, o sector financeiro galego, a sequía ou o saneamento das Rías, no DEBATE DO ESTADADO DA AUTONOMIA a estrela, a panacea, a solución a tódolos nosos males e sofrimentos é, para o Presidente da Xunta, a fusión de Cesuras e Oza.

Que Feijoó sexa parvo ou pretenda que o sexamos todos non me sorprende, pero que os medios de comunicación aplaudan coas orellas é indecente. ¿serei eu só o que penso isto?

28 de febrero de 2012

De Clase Media a Clase Precaria

O sistema de Negociación Colectiva e Concertación Social que ven funcionando dende os Pactos da Moncloa foi determinante no nacemento e consolidación dunha clase media en España. O establecemento de incrementos salariais relacionados có IPC, a eficacia xeral dos Convenios colectivos que son, eran, de obrigado cumprimento para tódalas empresas e traballadores dun sector e territorio determinado axudaron, non solo á mellora das condicións salariais e laborais dos traballadores, senón tamén á estabilidade empresarial eliminando a competencia desleal.

Grazas a isto, puidemos configurar un sistema fiscal que se sustenta basicamente nas aportacións das rendas laborais, e fumos quen de financiar un Estado do Benestar, non completamente desenvolvido, pero sostible, que antes da crise financieira internacional estaba en superavit.


Non será a crise, que en todo caso ten unha raíz financieira e non laboral nin fiscal, senón a reforma da Negociación Colectiva, a eliminación da ultraactividade dos Convenios e o desequilibrio en favor dos empresarios, que poderán rebaixar salarios e dereitos, o que convertera a clase media en clase precaria, poñendo en risco a sostibilidade da protección e os dereitos sociais no futuro.


Estamos ante a frofecía autocumplida, dinnos que os Servizos Públicos son insostibles, recortan os salarios ós traballadores e o financiamento ós empresarios, provocando unha recesión que á súa vez repercute nunha rebaixa da recadación fiscal que se evidencia insuficiente para o financiamento dos Servizos Públicos.


No fondo o obxectivo verdadeiro é o de desmontar o sector público e converter os dereitos en negocios, a educación, a sanidade, a seguridade, as prestacións por desemprego, as pensións, e incluso o acceso ó emprego ( as ETTs xa son Axencias de colocación).


Canto antes urxe recuperar a conciencia de clase e loitar xuntos, non partidariamente contra Rajoy, senón contra os poderes fácticos que sustentan o pensamento neoliberal, do que o Goberno de Rajoy é o xenuíno representante en España.

10 de febrero de 2012

REXEITAMENTO ABSOLUTO DA CONDENA CONTRA GARZON

Con esta sentencia queda claro que, como dixo Franco antes de morrer, "todo queda atado y bien atado". Que vivimos nunha democracia castrada por unha transición incompleta que votou terra e esquecemento sobre as víctimas e permiteu que os verdugos e os seus vástagos quedaran a cargo de tódolos resortes do Estado e dos poderes fácticos na economía, no exército, na iglesia e na xustiza.

Esta xustiza non necesita unha reforma, necesita un ERE con extinción de contrato para centos de xuíces fascistas e opusinos que impoñen a súa xustiza ó marxe da lei e da lóxica democrática. Unha xustiza que deixa que prescriban os delitos de Fabra e impón a Roca, o de Marbella catro anos de condea por unha morea de lelitos e de cartos roubados; unha xustiza que no caso Gurtel condea primeiro ó xuíz que investiga que ós corruptos, que agora teñen moitas posibilidades de quedar libres. Unha xustiza laxa cós corruptos da dereita e implacable có resto.

Ademais, para empeorar as cousas, o Goberno de Rajoy acaba de anunciar unha reforma mediante a cal o órgano de goberno dos xuíces será elixido exclusivamente por eles mesmos, có que cando un xuíz estorbe os intereses que defenden, será cautelosamente apartado dese posto, como pasa en Valencia. Unha xustiza ó servizo dos poderosos da corrupción, do ladrillo, das finanzas e das 100 familias que levan 100 anos gobernando este país.

É lamentable a imaxe que estamos dando ante o mundo. Enlace coa editorial do País

7 de febrero de 2012

Como dixo Rubalcaba "a Traballar"

O Congreso pasou, os delegados falaron e xa temos novo Secretario Xeral. Penso que transmitimos unha boa imaxe de democracia interna e sobre todo eliximos unha boa Comisión Executiva, que acadou un 30% máis de voto que o propio Rubalcaba.

Eu coñezo persoalmente á maioría dos seus compoñentes e hai xente moi competente, empezando polo Secretario de Organización Oscar López, a nova Portavoz Parlamentaria, Inmaculada Rodriguez-Piñero, Antonio Hernando, Patxi López, Jesús Caldera, Trinidad Jimenez, Carmela Silva ou Hugo Morán, etc.

Apostouse por unha solución prudente e solida, o novo equipo dirixira a oposición ó PP e preparará o partido para as vindeiras confrontacións, deixando para unhas Primarias á francesa a elección do/da cabeza de cartel electoral para as próximas xerais.

Anúnciase tamén unha Conferencia de Organización que nos virá ben para poñer en marcha toda unha serie de novos procedementos internos que se aprobaron no Congreso como as Primarias ou a militancia na rede.

En definitiva, este novo equipo dirixente conta coa miña confianza.

13 de diciembre de 2011

O futuro do PSOE - 1º

Hoxe constitúense as Cortes da X Lexislatura cunha maioría absoluta do PP con todo o que iso supón para este país nestes tempos de crise e dificultades.

Para min tamén comeza unha nova etapa, de ser Deputado do partido gobernante a un traballador máis de Navantia, onde me incorporarei no mes de xaneiro. Asumo este cambio con toda naturalidade, e non oculto que con certo alivio (nos últimos tempos a política estase convertendo en actividade de alto risco), consecuencia lóxica da esixencia cidadán de solucións ós graves problemas que nos embargan.

Tamén esta nova situación permíteme falar con maior liberdade, sen as ataduras que un cargo de representación pública comporta. Agora falarei como un cidadán calquera, só suxeito á miña historia e á miña posición ideolóxica persoal.

Destes anos de Deputado e Senador có Goberno de Zapatero direi, como penso que é amplamente compartido, que a primeira lexislatura foi brillante, con avances sociais que nos colocaron á cabeza dos países desenvolvidos en dereitos civís e sociais, (este será sen dúbida o xermolo da recuperación socialista). E a segunda foi unha sucesión de erros e falla de valentía para resolver a crise dende os postulados socialdemócratas.

Cando a dous anos da lexislatura puxemos en marcha aquela campaña "Novas Enerxías" eu propuxen na reunión do Grupo Parlamentario dúas das medidas que foron as estrelas das propostas de Rubalcaba: a creación dun Banco Publico partindo do ICO e unha reforma fiscal para gravar as rendas altas. Naquel momento tiñan lóxica, pero en plena campaña do 20N era demasiado tarde. Todo estaba perdido.

Pero agora non cabe lamentarse nin insistir naquilo de "xa o dicía eu", máis ben hai que recitar o "agora xa foi, Marica non chores".

Son para o partido tempos convulsos e difíciles, nos que podemos acertar ou non. Eu non comparto a opinión dos que pensan que o sucedido é só consecuencia da crise económica e que superada esta recuperaremos o apoio electoral. A maiores da crise pasaron outras cousas: apareceu un movemento cidadán, o 15M que removeu as conciencias e a forma de ver as cousas de millóns de persoas, aínda que fora para empuxalos a votar ó PP; no Congreso séntanse grupos parlamentarios importantes á esquerda do PSOE; e o máis evidente, unha perda de poder institucional do PSOE a tódolos niveis histórica.

Por iso creo que a recuperación hai que organizala simultánea-mente en dous niveis: por unha banda no discurso xeral do Partido e na elección de dirixentes novos, que aínda que sexan descoñecidos teñan a capacidade de romper a conexión coa última etapa de Zapatero; e por outra facendo un traballo orgánico de expansión e crecemento do Partido.

Ademais, creo que hai que actuar rápido, porque a crise pode erosionar rápida e profundamente ó PP e cando iso suceda temos que estar en condicións de ser a casa grande da esquerda, para evitar que o sistema electoral volva a favorecer á dereita que sempre se presenta unida fronte a unha esquerda disgregada.